InicioDeportesDany Domingos, capitá do Pescados Rubén Burela: "Moita xente nos coñece como...

Dany Domingos, capitá do Pescados Rubén Burela: “Moita xente nos coñece como un equipo gañador”

Fai un repaso polos títulos acadados na pasada temporada coa sexta Liga e sétima Supercopa de España

Publicada o

- Advertisement -

De Burela ao ceo, non hai dúbida de que este é o punto de referencia do fútbol sala español: O Pescados Rubén Burela. Elas veñen de conseguir a súa sexta Liga e levan catro títulos ligueiros nos últimos cinco anos, ademáis de facer dobrete coa Supercopa de España acadada en febreiro, a séptima no seu palmarés. Coñecidas como ‘As Guerreiras’ ou ‘As pícaras’ non cansan de gañar a base de esforzo e traballo constante. A hexemonía do Pescados Rubén Burela na categoría feminina é indiscutible e o combinado masculino acadou tamén nesta pasada tempada o ascenso á máxima categoría do futsal español. Isto significa que este club de Burela, vila mariñá de pouco máis de 10.000 habitantes, é o único de España en ter tanto equipo masculino como feminino en Primeira División. A capital do fútbol sala español, dise rápido, pero ten moito detrás! O Galicia Confidencial puido falar con Dany Domingos, capitá e xogadora clave desta época gloriosa.

“Comezamos con dificultade como calquera equipo nos inicios e ao final de tanto plantar e plantar, estamos colleitando bastantes títulos, resultado dun traballo magnífico do club”, afirma Domingos, que chegou ao equipo na tempada 2012-13 cando se conseguiu a conquista de Liga e Copa da Raíña, algo que facía moito tempo non se acadaba. Porén, a xogadora marchou despois diso de volta a Brasil para continuar cos seus estudos no país natal. Así, foi no 2016 cando recibiu a chamada do Burela FS para que volvese e non dubidou en dar o si a esta segunda parte da súa historia co club. 

UN REPASO DA PASADA TEMPADA: LIGA E SUPERCOPA DE ESPAÑA

Xa coa pretempada case finalizada, teñen o punto de vista na primeira xornada da Primeira División Iberdrola fóra o día sete setembro e no Pabellón de Vista Alegre, na estrea o 14 na casa. Porén, é momento de mirar cara atrás e facer un repaso xa que son as vixente campioas de Liga, tras gañar a final do Playoff en xuño fronte ao Futsi Atlético Navalcarnero (4-0). Dany tivo a oportunidade de ver portería no primeiro tempo e valora: “Cada título ten o seu sabor e nesta última liga destaco como o equipo se repuxo tras a saída dunha grandísima xogadora como era Peque ou Jozi. Ao final tes a responsabilidade de seguir querendo gañar máis e tiñamos ese reto por diante para as que quedaron”. 

A escuadra laranxa fixo un campionato doméstico para enmarcar con tan só dúas derrotas na liga regular e sendo líder desde a sexta xornada con ata dez puntos de diferencia co segundo na clasificación: “Un ano no que a liga comeza en setembro e soamente acaba en xuño, di moito, tes que estar a un nivel moi alto e con marxe para o fallo reducido. Non fallamos nos momentos importantes, nos playoffs e choques directos e iso permitiu que estivésemos no máis alto”. Fai fincapé en que é o resultado do realizado en toda unha tempada máis aló “dun partido que gañas nunha finde” con especial relevancia ao traballo en equipo. “O bo facer do corpo técnico, a colaboración do club coas fichaxes, a boa estrutura, as viaxes, un traballo en equipo desde o club ao corpo técnico e finalizando coas xogadoras”, expón. 

Non foi a Liga o único trofeo que sumaron ao palmarés, senón que xa en febreiro conquistarán a súa sétima Supercopa de España en Torremolinos. Como equipo de futsal disputan varias competicións, as mencionadas Liga, Supercopa e tamén a Copa da Raíña, a Copa autonómica ou Copa Galicia, a Copa Ibérica e a Champions. Desta última, explica: “Non é oficial, pero ten o aval da FIFA e permite xogar con equipos que foron campións nas súas ligas, Italia, Portugal, Países Baixos,… E nós como representantes de España”. Un equipo que pelexa por acadar todos os títulos posibles e que é referencia de Galicia para o mundo. Non cabe dúbida da riqueza que hai no país no que atinxe ao fútbol sala feminino, de feito, nesta tempada serán cinco os equipos galegos na Primera División. 

“SON FUTBOLISTA A TEMPO COMPLETO” 

Xa no presente, a capitá valora moi positivamente os reforzos para o que será esta tempada: “Fixemos fichaxes importantes, catro en total, Carolina Pedreira e Débora Lavrador, dúas portuguesas, Cris Lourés, española e a brasileña Dinha. Chegan para aprender da nosa filosofía e axudar a manter o espíritu gañador que nos caracteriza e tamén aprender nós delas e do que van aportar”. Catro novas guerreiras que terán que saber o que é sufrir para manterse no máis alto e que coñecerán á afición, sen a cal todo isto non sería posible. “É unha bancada moi esixente e que agora ten curiosidade e ganas do primeiro partido a domicilio para ver como se presenta o conxunto”, sinala Dany.

A capitá fala de Burela como unha pequena vila onde case se coñecen todos, que resulta do máis acolledora e que arroupa ao deporte, ao fútbol sala tanto feminino como masculino. Xa é tempo o que leva aquí e actualmente ten 40 anos. Recoñece que está nun punto no que “manter o nivel require moito sacrificio” no que atinxe á saúde, alimentación, sono,… Polo que está asesorada por preparador físico e tamén nutricionista para seguir a un nivel alto neste deporte. “Son futbolista a tempo completo e nas poucas horas libres intento estudar e apuntarme a cursos ou o que me permita adquirir coñecementos. Iso si, teño claro que a miña prioridade é ser deportista e que merece a pena o esforzo porque os resultados están aí”, afirma. Como xogadora do Brasil medrou pegada ao fútbol sala e aprendendo deste deporte con referentes como Raquel Sousa, coa que xogou, ou Sissi, “unha das grandes xogadoras de fútbol en Brasil”. 

A PROFESIONALIDADE NO FÚTBOL SALA FEMININO: O BURELA FS, REFERENTE

Falar de fútbol feminino, sexa na modalidade sala ou fútbol 11, aínda vai asociado á reivindicacións por melloras as condicións laborais. Sobre isto, Dany Domingos comenta: “Estamos loitando cada ano polo cambio, precisamos máis colaboradores, inversores na categoría e patrocinadores, isto depende moito do que ven de nós e dos clubes para que a xente queira empregar iso como un atractivo. O fútbol masculino é moi atractivo, un negocio, os xogadores venden ben a súa parte”. Así, reivindica que a día de hoxe hai poucos clubes de fútbol sala que poidan ofrecer unha boa profesionalidade e que o Burela FS é un deles e un exemplo a seguir: “Ten un convenio, polo que en caso por exemplo de quedar embarazada, o club daría o soporte necesario como calquera outra empresa. Pode ofrecer unhas condicións ás deportistas que permiten vivir disto. Porén, non é o habitual. Tenta procurar a igualdade e equiparar os soldos en relación coa sección masculina”. 

O habitual como xogadora profesional e seguir estudando en paralelo para cando chegue o momento de deixar o deporte. Teñen así unha alternativa para decidir ou se cadra buscan seguir neste eido como adestradora ou mesmo preparadora física. “Con 40 anos é complicado entrar no mercado laboral, depende da carreira que teñas, por iso a vía de seguir ligada ao deporte”, apunta. 

Dany Domingos reflexiona sobre a visibilidade do futsal feminino: “Algúns medios nin se acordan cando gañamos, depende moito. O que está facendo esta vila chama a atención. Xunto cos outros equipos da categoría loitamos pola visibilidade sobre todo por que unha canle en aberto en España poida televisar os partidos. Ata agora era Teledeporte o que transmitía un partido de cada xornada e actualmente están en negociacións, é algo importante e debería ser o mínimo. De todas formas, os nosos encontros poden seguirse pola canle de Youtube, SinopsisVuvuzela“. 

Na maior parte dos casos falar do Pescados Rubén Burela é sinónimo de visibilizar éxitos acadados ou de amosar sorpresa cando as grandes citas non se traducen en victorias. A xogadora recoñece que isto é o que soe pasar e que: “Moita xente nos coñece como un equipo gañador e cando se está acostumado a gañar sempre, cando un perde chama a atención e choven as críticas”. Desta maneira, fai fincapé en que hai que seguir medrando e facelo con forza e manifesta a importancia dun Mundial de fútbol sala feminino: “Nos aínda non o tivemos cando a categoría masculina xa leva uns cantos, non entendemos o porqué desa diferenza e tendencia a ir cara a un lado e non cara o outro”. Ante isto demanda solucións que se están facendo agardar. 

PENSA DANY DOMINGOS EN COLGAR AS BOTAS? 

Con todo o dito ata agora máis aló do primeiro equipo é vital pensar no futuro e nas categorías base. “Cada vez hai máis interese das nenas nesta vila que ao ser tan pequena é complicado, ao final con certa idade teén que marchar estudar fóra”, afirma e visibiliza que agora xa hai a posibilidade de que as nenas xoguen con nenas e non mesturadas como era antigamente. E que lles diría ás novas xeracións? Que aproveiten o momento, xa que moitas xogadoras atrás non tiveron esta sorte de ter categoría propia, de xogar como equipo, por iso, que dean o paso, xa que se queren, poden. Dicir tamén que os pais son a primeira forza, dentro de casa, para motivalas e que vexan que, a base de traballo e constancia, consíguese o que unha quere”. 

E chegado a este punto, pregunta case obrigada: está lonxe iso de colgar as botas? “Non quero poñer unha data de caducidade, xa que eu estou adestrando bastante coas miñas limitacións pola idade, pero o traballo no club, dame a facilidade de poder chegar.l A isto sumar tamén cos meus coidados, forma de ser, que me privó de moitas cousas e levo unha boa alimentación. Cando a situación non sexa boa nin para min nin para o club será o momento de colgar as botas. De momento, teño ganas de seguir traballando e axudar ás máis peques a medrar, como medrei eu. Se sirvo como referente estou moi contenta de deixar este legado”.

ÚLTIMAS

Operativo nas Catedrais: buscan dúas persoas que poden estar atrapadas nunhas rochas

Os servizos de emerxencias manteñen activo un operativo para buscar a dúas persoas que...

10.000 abonos do Resurrection Fest á venda este xoves 10 de setembro a partir das 12:00

O Resurrection Fest Estrela Galicia saca á venda este xoves, 10 de setembro (a...

O sector pesqueiro reclama a Bruxela levantar o veto sobre o palangre “pedra-bola”

CEPESCA, Europêche e OPP Burela reclamaron este mércores no Parlamento Europeo unha modificación urxente...

PP de Lugo acusa ao Goberno de “esconder o seu incumprimento” coa autovía da Mariña

O senador do PP pola provincia de Lugo José Manuel Balseiro acusou ao Goberno...