-Cales son os puntos que queres seguir na túa presidencia do Xove-Lago?
A idea é crear un equipo comprometido de xente nova. O club collino nas circunstancias que estaba e imos xustos de tempo para todo. O clube ía desaparecer, así pois, cando cheguei busquei xente nova co obxectivo de manternos na categoría. O adestrador é un profesional que seguramente teña obxectivos máis ambiciosos, mais para min o obxectivo principal é formar un equipo de xente nova e manternos na categoría.
-Cal era o motivo polo que o Xove-Lago podería desaparecer?
Por motivos laborais o presidente non tiña tempo suficiente para o equipo, basicamente porque debía atender a súa empresa. Por outra parte, ninguén se animaba a coller a dirección do clube. Había unha xunta xestora creada o ano pasado e durante un ano non apareceu ninguén. Souben pola prensa das circunstancias que envolvían o equipo. Eu fun canteirán no Xove-Lago hai vinte e cinco anos, durante a mellor época ata o momento do equipo. Fun cadete, xuvenil e xoguei un par de partidos en terceira división. O clube non ten problemas económicos, as instalacións son do mellor dentro da categoría, mesmo creo que hai equipos de terceira división sen as instalacións que temos nós. Así pois, estamos con moitas ganas de sacar adiante este equipo sobre todo porque é un ano histórico, o nos 50 aniversario. Para máis adiante xa hai algunha idea, de feito a ver se conseguimos xuntar mozos para montar alguna categoría de fútbol base que desapareceu hai dous ou tres anos.
-Tanto afección como socios e socias porían da súa parte para darche o seu apoio.
Imos ter que sacar agora a campaña de captación para ter novos socios. Niso botoume unha man xente da directiva saínte, eles son os que me están axudando a armar todo. Agora mesmo o primordial é armar o equipo, botar todas as contas necesarias e arranxar todo aquilo que sexa necesario e aumentar o número de socios e socias.
-Haberá renovación dentro do cadro de xogadores?
Algúns xogadores continuarán mais o cadro vai ser case todo novo. O grupo de xogadores que había acabou reducido, basicamente por cuestións laborais a maioría. Aínda así, xa temos doce xogadores, estou en conversas con outros catro e conto que o adestrador traia outros tres ou catro. Con iso queremos facer unha base e o grupo que temos de doce xogadores son de entre vinte e vinte e un anos, o que máis ten é de vinte e tres anos.
-Que nos podes contar do adestrador?
El é de Narón, xogou no Xove e non coincidimos por pouco cando eu fun xuvenil pero el xogou no Xove-Lago cando estaba en terceira división uns cantos anos e creo que chegou a xogar algún partido en 2-B. Despois adestrou en terceira división no sur de España. Eu considero que ten coñecementos máis que de sobra para levar adiante o equipo, ten ganas e ilusión.
-Vai haber algunha novidade relacionada coa equipación dos xogadores e outros elementos?
Si, aínda estou en proceso de xestión para termos uniformidade con referencia ao cincuenta aniversario.
