InicioCulturaAntía Yáñez: "Nas novelas que lin as mulleres tiñan un rol auxiliar"

Antía Yáñez: “Nas novelas que lin as mulleres tiñan un rol auxiliar”

A escritora burelesa gañou o premio Illa Nova coa novela 'Senlleiras', que sairá en breve

Publicada o

- Advertisement -

Antía Yáñez (Burela, 1991) anda atarefada. É época de exames para os estudantes e ten que multiplicarse na academia onde traballa, en Cecebre (Cambre). Cando ten un rato libre falamos con esta rapaza mariñá sobre a súa carreira como escritora. A súa novela ‘Senlleiras‘ gañou o premio Illa Nova de narrativa no pasado mes de abril e a editorial Galaxia está a piques de publicala. Nela aborda a violencia machista ao longo da historia.

O xurado decidiu por unanimidade: as protagonistas de ‘Senlleiras’ “son mulleres das que non se olvidan”. Vaia piropo, eh?

Gustoume moito que me dixeran iso. Son da idea de que máis ou menos todo está escrito, de que todos os grandes temas están xa na historia da literatura. Así que o que cambia é o enfoque, o estilo que teñas e as personaxes que sexas capaz de crear.

Non abundan as mulleres protagonistas na literatura, menos escritas por mulleres.

Nas novelas que lía de nena as mulleres sempre tiñan un rol auxiliar. E eu quería ser moitas cousas de pequena, astronauta, detective… Pero non un neno (risas). Ao final, escribes o que che gustaría ler. Hai uns días unha escritora citou un estudo sobre as veces que saíu a menstruación na literatura. Parece que a regra é un tema tabú.

“”senlleiras’ é a historia dunha influencer que se ve envolta nun misterio”

Cal é a trama de ‘Senlleiras’?

Comeza cunha ‘influencer’ que se fai unha fotografía e nela aparece unha man pantasma. Gústame moito o misterio, o terror. A partir de aí mesturo na novela o presente e mailo pasado.

Antes xa publicara ‘O Misterio de Portomarín’, unha novela xuvenil.

Si. Estou moi contenta porque vai pola cuarta edición e chegou a estar en oitava posición do ránking de libros máis vendidos de Galaxia.

Foi un reto pasar a dirixirse a un público adulto?

Todo ten a súa complicación. Cos nenos tés que adaptar a linguaxe, tentar divertir e ensinar sen que se decaten. E céntraste nun tema ou dous, como moito, mentres que cando escribes para adultos as tramas son máis transversais, tés que profundizar e crear personaxes máis completos. ‘Senlleiras’ levoume, máis ou menos, o que un embarazo, uns nove meses. Fixen un traballo de documentación bastante exhaustivo sobre a ditadura de Primo de Rivera, sobre os xornais daquela época.

“o trato que se dá na prensa aos feminicidios non dista tanto de hai cen anos”

E con que se atopou?

Alucinei un pouco, sobre todo co tratamento que se daba aos feminicidios, que non era moi diferente do que se le agora. Falábase de crimes paixonais, por exemplo. Cambiaron moitas cousas desde aquela e outras non tanto. Somos máis visibles, agora traballamos fóra da casa, pero ás veces semella que aínda somos un cero á esquerda.

Ten referentes na escrita?

Non. Gústanme ler cousas moi diferentes, mesmo escritores machistas, co ánimo de rebatilos. A verdade é que non son nada mitómana, non idolatro a ninguén, penso que perdes a perspectiva das cousas.

Abre este premio a porta a unha carreira profesional como escritora?

É pouco probable. Son consciente do reducido que é o mercado galego. Hai xente como María Solar ou Pedro Feijóo que teñen as súas novelas traducidas, pero é complicado. Pero gustaríame, si, gustaríame moito. 

ÚLTIMAS

O comité de Alcoa pide de novo a convocatoria da mesa de seguimento

O comité de empresa de Alcoa en San Cibrao pediu por segunda vez unha...

A Deputación participou en Foz nun foro sobre a problemática da vivenda

O Deputado de Recursos Sostibles e Alcalde de Foz, Francisco Cajoto, e a Deputada...

Terceira limpeza nas parroquias de Ribadeo

Ribadeo aposta polas parroquias e acomete nelas a terceira limpeza. O alcalde, Dani Vega,...

Viveiro envía máis de 3.000 notificacións para garantir a prevención de incendios nas parcelas

Co obxectivo de conservar o solo e a biomasa vexetal nunhas condicións que permitan...