A Mariña celebrará con todo tipo de actividades, desde hoxe até o domingo, o Día das Letras Galegas. O Xornal da Mariña ofrece unha axenda para desfrutalas ao máximo.
Hoxe, Alfoz celebrará as Letras cun acto pola tarde, desde as 17.30 horas na casa da cultura. Lionel Rexes falará de María Victoria Moreno. Logo haberá contacontos (‘Os contos da festa do faiado‘, en honra á homenaxeada, e o grupo teatral Torques de Burela representará ‘O terapeuta‘.
No centro social de Cordido, en Foz, o grupo teatral infantil de A Adala interpretará ‘Mamasiña que medo!’. Será a partir das 19.00 horas.
Ás 19.30 horas arrinca en Burela, na casa da cultura, a actuación de Xabier Díaz e As Adufeiras de Salitre, que presentarán o seu disco ‘Noró‘.
VENRES 18
Dentro das celebracións do Ribadeo de Tapeo, o cantautor valadourense Miro Casabella actuará no auditorio municipal, desde as 20.30 horas.
SÁBADO 19
Viveiro aposta para a mañá por unha sesión de contacontos con Pedro Brandariz, ás 12.00 na biblioteca municipal. O cómico presenta ‘O cataventos 2.0‘, unha peza baseada na obra de María Victoria Moreno.
Desde as 18.00 horas, a compañía herculina Caramuxo Teatro presentará na casa da cultura de Burela ‘Redondo’, un espectáculo para bebés que xoga coas formas.
Pero o sábado 19 será o día da música. Cervo propón un concerto de Caxade, que comezará ás 20.00 horas na casa da cultura de San Cibrao. Tamén desde as oito da tarde, Tino Baz actuará no salón de actos do consistorio de Lourenzá. A banda municipal de música de Ribadeo ofrecerá un recital no teatro desde as 20.30.
DOMINGO 20
O centro sociocultural Manuel Díaz Sampedro de Barreiros acollerá, desde as sete da tarde, un recital do Dúo Rosas -formado por Julia María Dopico e Daniel Adzieman-. A continuación, a Coral Polifónica de Barreiros interpretará cancións galegas.
Viveiro celebrará unha velada de música, poesía, humor e teatro, a Gala da Lingua, coa presenza de Candido Pazó, Brandariz e Rey, Najla Shami e Lois Pérez. Será desde as 20.00 horas no teatro Pastor Díaz, e a entrada é de balde até completar aforo.