InicioCulturaBurela recupera con Montmeló a historia da antiga fábrica de gres Cucurny

Burela recupera con Montmeló a historia da antiga fábrica de gres Cucurny

A traxectoria da factoría burelá, fundada no 1908 e con 8.000 metros cadrados de superficie, será exposta nunhas xornadas e nun monográfico no que colaboraron ambos Concellos

Publicada o

- Advertisement -

A Concellería de Cultura de Burela anunciou a través dun comunicado de prensa que colabora co Concello catalán de Montmeló na recuperación da historia da fábrica de gres Cucurny, que se puxo en marcha na vila a comezos do século XX.

O goberno de Montmeló elaborará un monográfico co que agarda contar Burela para achegarlle á cidadanía a importancia que esa empresa tivo para a localidade, onde ocupaba unha superficie duns 8.000 metros cadrados. A historia de ambas fábricas, a de Burela e a de Montmeló, será analizada nas xornadas europeas do patrimonio que terán lugar en outubro nese concello barcelonés.

FILLOS DOS TRABALLADORES ACHEGARON A INFORMACIÓN

O concelleiro de Cultura, José Díaz, contou que “en Montmeló tiveron unha fábrica, xa pechada, de gres levada pola familia Cucurny, de orixe franco-catalá, e que esa empresa tiña unha fábrica en Montmeló e outra en Burela. Ademais tiñan outras sucursais en Madrid, en Barcelona, en Zaragoza e en Cartagena, pero as principais eran a local e a da Mariña Lucense, que levaban dous irmáns, Luís e Leandro, que era o que dirixía a da nosa comarca”, salientou.

O edil burelao explicou que “o que querían é que lles axudasemos en contar a parte de Burela porque eles tiñan moitos menos datos e poucas fotos. A min pareceume interesante e ademais serviríanos para aprender tanto o Concello como a xente de Burela que poida ter interese nisto, en coñecer esa historia e como chegou aquí esta familia catalá, importante no mundo da cerámica e do gres porcelánico”.

A fábrica de gres, nos anos 40. AXM

“Fómoslles facilitando información e fotografías, falando con fillos de traballadores porque de cando a fábrica comezou a funcionar, en 1908, non queda xente viva. Así descubrimos motísimas cousas e puidemos fiar a historia da fábrica en Burela. Foi un espazo moi importante, porque ocupa unha posición central, sobre 8.000 metros cadrados, e témolo aí un pouco esquecido, entre muros, cunha reixa, e moita xente non sabe nin o que hai dentro”.

O GOBERNO BURELAO PENSA EN DESENVOLVER O ESPAZO

Díaz dixo que “aproveitei esta oportunidade para ver esa fábrica, ver en que estado está e quizais se se volvese a falar dese espazo podamos conseguir que dalgún xeito se desenvolva, que se faga algo aí. Somos un concello moi pequeno, de pouco máis de sete quilómetros cadrados, e ese lugar sería moi bo para nós”, argumenta.

Logo das xornadas farase o monográfico, “que pedimos que fose un pouco conxunto dos dúas fábricas e que podamos dispoñer tamén del aquí en Burela. É parte da nosa historia á fin e ao cabo, quizais pouco coñecida, xa leva anos pechada a fábrica e iso vaise esquecendo, e convén recordalo, saber que está aí e que mostremos interese polo futuro dese espazo. Ese monográfico teriámolo tamén aquí en Burela para que a xente o poida ver e gozar”.

Para Díaz “é importante este tipo de traballos conxuntos entre concellos tan distantes e que en principio podamos pensar que non temos nada en común e que ao final si temos. Como digo é bo para os dous, é parte da historia que penso que hai que consentir e traballar por ela porque marca o que é un pobo”, finalizou.

CUCURNY HERMANOS, ORIXE DO “GRES BURELA”

A empresa tivo un crecemento sostido desde 1917, baixo o nome de “Cucurny Hermanos”, e os corenta e sete operarios que xa tiña en 1930 medraron ata os 260 de 1946. A calidade do “gres Cucurny” da factoría luguesa fará que chegue a distinguirse co nome comercial de “Gres Burela”.
A sociedade transformaríase en 1942 en anónima coa razón social “Materiales Cerámicos, S.A.” (MACESA). No verán de 1955 morría Leandro Cucurny Sanmartí.
No 1970 a empresa acometeu unha transformación radical no proceso de fabricación, instalando un forno de mono cocción, coa conseguinte mellora da calidade e aforro de combustible. Foi o primeiro fabricante en poñer no mercado español gres porcelánico de mono cocción, especializándose en pavimentos antideslizantes para exteriores baixo a marca “Gres Burela”.
A fábrica manteríase funcionando ata fins da década do 2010, cando a quebra e concurso de acredores. No ano 2013 chégase a un acordo cos traballadores para a progresiva extinción dos contratos. E no outono do ano 2015 saíron as propiedades a poxa ou pública venda, sendo adxudicados os 8.000 metros de terreo a unha empresa inmobiliaria.

ÚLTIMAS

Carlos López, Biathle: “A idea é fomentar que os máis novos sintan atracción polo pentathlon”

-Por que se escolleu San Cibrao para levar adiante estas probas de Biatle-Triathle? Xa se...

Tsunami de ‘metal’ na Mariña co Resurrection Fest para a vindeira semana

A decimonovena edición do Resurrection Fest, o festival de metal, rock, punk e hardcore...

Cinco alumnos do IES de Foz foron convocados para a Megabau na Coruña

Cinco alumnos do IES de Foz foron convocados este venres (21 de xuño) para...

Lourenzá abre unha exposición arredor dos campos de concentración nazis

A Sala de Exposicións do Concello de Lourenzá alberga unha mostra sobre os campos...