A finais do pasado mes de agosto, Sabela Ramil perdeuse de mala gana unha das súas festas favoritas: o Naseiro.
“É festeira e sociable, pero tenlle unha cruz no calendario. Se vai polo menos un día xa queda contenta”, sinala Mary Rivera, a súa nai. A moza cambiou a romería do bo xantar por un cásting pero o sacrificio tivo recompensa: acadou un sitio na academia de Operación Triunfo, un posto que defenderá o vindeiro mércores (22.30, TVE 1).
CANTARÁ EN GALEGO
A moza, nominada na Gala 1 do programa, competirá con Alfonso por permanecer no concurso. A vocalista pontesa cantará en galego ‘Benditas feridas‘, un tema da súa profesora de canto Rosa Cedrón. No duelo por unha praza entre os dous rapaces, o apoio do público será vital.
CAMPAÑA EN BRAVOS
A Sabela non lle vai faltar. As Pontes, onde se criou, e A Coruña, onde vive, iniciaron campañas para salvar á unica concursante galega de OT 2018. A Mariña, de onde procede a súa familia, non queda atrás: o atrio de Bravos xuntou na tarde deste luns a unha multitude que chamou ao voto pola rapaza.
Non é para menos: a moza non perdeu nunca o vínculo coa terra na que naceron seus pais. Con familia en Bravos e Viveiro, Ramil “é das Pontes, é coruñesa, é da Mariña. Ten o corazón neses tres sitios e non ten por que elixir”, expón Rivera, que asimila como pode o lío marabilloso no que se meteu súa filla.
POPULARIDADE
“Non me comentou nada ata o segundo cásting. É resolta”, expón a nai, que vive “con moita ilusión estes días, pero tamén cun pouquiño de tensión, porque queremos que se quede”. Rivera alucina co balbordo que supón o concurso e enumera os clubs de fans da moza xurdidos nas últimas semanas: “hainos en Verín, en Pontevedra, en Valencia…”.
VOCACIÓN
Pero Sabela non marchou á academia de OT á procura da popularidade: adora a música desde pícara. “Non sabía dicir papá ou mamá pero xa cantaba. Balbuciaba, pero tiña un nome para cando lle puñamos folk e outro para cando escoitaba clásica. E cando foi medrando converteuse na súa vía de escape, na súa forma de relaxarse e de expresarse”, explica.
Cun grao en Terapia Ocupacional e un máster en Musicoterapia, que aplica a música na curación de enfermidades, Sabela ten experiencia en formacións como Muxarega ou Bahut. “Ela é moi perfeccionista e sempre quixo aprender. E que mellor sitio para aprender que nesa academia, así que esperamos que poda quedarse”, sostén súa nai.
HABITUAL DA SEMANA SANTA
Sabela é habitual da Semana Santa viveirense, na que toca coa confraría de mulleres de Santa Cruz. “Desde cativa quixo poñer un capuchón“, asegura Rivera.
DIRECTIVA DE ATURUXEIROS
A concursante de OT demostrou con feitos a súa implicación coa súa terra de orixe. Mesmo cando reside fóra da bisbarra, é directiva do colectivo Aturuxeiros de Bravos, un puntal do tecido asociativo do concello de Ourol, co que organiza o festival Aturuxo.
Ducias de persoas en Bravos mostraron o seu agradecemento á rapaza e pediron o voto para manter no concurso a unha pontesa que vive na Coruña, a unha mariñá máis. O Concello de Viveiro, a través dun comunicado, tamén mostrou o seu apoio a Sabela para que poda continuar no certame. Postos a perder o Naseiro, que sexa para soñar ao grande.