InicioCulturaDez plans para a fin de semana na Mariña Lucense

Dez plans para a fin de semana na Mariña Lucense

Eliximos unha decena de propostas de ocio, entre as que se inclúen festas de época e gastronómicas, concertos, verbenas ou exposicións

Publicada o

- Advertisement -

A fin de semana ofrece na Mariña Lucense unha ampla oferta de ocio. O Xornal da Mariña escolle dez das actividades.

FESTAS DE ÉPOCA

I. O Mercado Medieval de Alfoz cumpre 20 anos cun completo programa de actividades: recreacións históricas, xogos, gastronomía ou mostras de oficios tradicionais. Será venres e sábado na incomparable contorna do Castelo de Castrodouro.

GASTRONOMÍA

II. A Festa da Merluza de Celeiro, que se celebra o sábado, desde as 21.00 horas na lonxa vella, rinde culto á pescada capturada coa arte selectiva do pincho. A organización ofrece sete posibilidades aos comensais: á galega, en salsa verde, en salpicón, en caldeirada, empanada, galipizza e especial Penalba.

Festa da Pescada do Pincho, en Celeiro. CULTURA DE GALICIA

III. O Palacio de Cristal de Burela exalta o polbo o sábado, con racións a 11 euros. Os larpeiros teñen marxe para probar o manxar, pois a degustación -animada cunha banda de gaitas– estará aberta desde as 11.00 ata as 00.00 horas.

O Palacio de Cristal ofrece polbo á feira o sábado. AXM

MÚSICA

IV. Este venres comezará o festival Aturuxo de Bravos, en Ourol, coa actuación de Andarivel. Será o aperitivo da xornada grande do sábado, con obradoiro de baile a cargo de Pesdelán desde as 18.00 horas e, a partir das 22.30, concertos de Carecos, Nao, Ruxe Ruxe e Monolious DOP.

V. Eido Dourado e Cámping Gaivota, en Barreiros, seguen coa súa proposta de concertos. O grupo folk Ti Ches Tein actuará no campamento o venres, desde as 23.00 horas, mentres que Milesios animarán a noite do domingo no espazo artístico, desde as 22.30 horas.

VI. Na vila cervense de San Cibrao, a Foliada Nordestía ofrece durante a fin de semana unha ampla programación relacionada coa música de raíz tradicional, que inclúe cantos de taberna ou unha mostra folclórica. Os concertos de Tiruleque ou Pan De Capazo, na noite do sábado, coroarán o programa.

VII. Para os amantes da verbena, San Martiño de Foz ofrece, nas festas na honra da Virxe do Carme, unha nova edición do duelo París de NoiaPanorama, o sábado. O venres, o programa tampouco está mal; Claxxon e Gran Parada.

VIII. Os rockeiros teñen unha cita en Ribadeo o sábado. A banda local Remakers e os coruñeses Tregua compoñen o cartel do SonRock, que comezará no parque de San Francisco ás 22.30 horas.

ARTE E EXPOSICIÓNS

IX. A fotógrafa ribadense Cris Andina abre o sábado a exposición fotográfica Outra Pel, Outro Rostro. A inauguración da mostra, que inclúe imaxes a actores e actrices, está prevista para as 19.00 horas, no Forte de San Damián.

X. Marina Oural e Ugía Pedreira presentan o sábado, no Espazo Caritel, ao pé da basílica de San Martiño de Mondoñedo, en Foz, a performance ‘1 Faba, 1 Vida’. A actividade inclúe visita guiada á exposición e ao xardín. 

ÚLTIMAS

Merluza D& Burela, única frota de altura certificada “pescaenverde”

A frota de palangre demersal da Organización de Produtores Pesqueiros do Porto de Burela...

Trabada recibe o plano cos beneficiarios dos descontos da luz vinculados ao parque do Mondigo

O Concello de Trabada vén de recibir por parte de Recursos de Galicia e...

A X Foliada Nordestía animará San Cibrao o 28 de marzo

San Cibrao acollerá o sábado 28 de marzo a X Foliada Nordestía, unha edición...

O BNG denuncia que A Mariña non conta con Grupo de Emerxencias Supramunicipais

O pasado 24 de febreiro, o pleno da Deputación Provincial aprobou por unanimidade e...