Os dous organizadores do Resurrection Fest, os irmáns Iván e David Méndez, a alcaldesa de Viveiro, María Loureiro, e mailo deputado de relacións institucionais da Deputación de Lugo, Álvaro Santos Ramos, fixeron balance no consistorio viveirense da décimo terceira edición do festival.
Tras facerse pública a cifra de asistentes, con 81.352 espectadores de 43 países diferentes durante os catro días que durou evento, os organizadores anunciaron que a décimo terceira edición do festival foi a máis seguida a nivel informativo, cun récord de 320 medios de comunicación acreditados, españois e internacionais. “O nome de Viveiro traspasou na pasada fin de semana fronteiras, e isto supón unha publicidade impagable para o municipio”, asegurou a alcaldesa.
á espera dun estudo da usc, por agora non hai datos de impacto económico desta edición do festival
Polo de agora non hai datos do impacto económico, pois os impulsores do festival agardan a finalización dun estudo realizado en colaboración coa Universidade de Santiago (USC). Polo de agora, a organización asegurou que se ocuparon as 2.000 prazas de hoteis e 12.000 de cámpings do municipio, ao que habería que engadir os pisos de alugueiro utilizados e tamén a reserva noutros negocios dos concellos da Mariña Lucense ou mesmo da bisbarra da Terra Cha.
“IMPACTO SIMILAR AO MUNDIAL”
“Este festival xera un volume de negocio similar ao Mundial de Rusia, porque o impacto no territorio é concentrado e inmediato. Polo de agora estase a avaliar, pero se se cumpren as previsións e o Resurrection deixa 13 millóns de euros, estaríamos a falar de que cada euro investido pola Deputación, 130.000, acadaría un efecto multiplicador de cen euros”, asegurou Santos. “O papel do ente provincial”, afirmou o deputado, “é o de servir de estímulo social á iniciativa noso territorio, e este evento ademais unha reversión económica para os nosos veciños”.
a organización leva “catro meses” traballando na próxima edición da cita, aínda que non hai datas nin confirmacións á vista
EVENTO FAMILIAR
Loureiro felicitou á organización, que está “sempre en contacto co público”. Para a rexedora, a mostra do ambiente de “pacífico” do festival é que “pais e nais acoden aos seus fillos ao evento, e iso significa que sinten seguridade”. Non houbo incidencias graves durante os catro días do Resurrection, nin tampouco denuncias por agresións sexuais. Para evitar estes delitos, Concello e organización habilitaron un punto lila no recinto.
Os impulsores do festival agradeceron a institucións, spónsors privados, asistentes e veciños de Celeiro a súa achega para a celebración do festival.
NO 2019, NA PRIMEIRA QUINCENA DE XULLO
A organización leva “catro meses” traballando no festival de 2019, para o que aínda non hai datas, aínda que os irmáns Méndez admitiron que o evento celebrarase na primeira quincena do mes de xullo. Tampouco adiantaron cando anunciarán as primeiras confirmacións da décimo cuarta edición.