InicioCulturaUnha exposición en Lugo retrata os ferreiros das dúas marxes do Eo

Unha exposición en Lugo retrata os ferreiros das dúas marxes do Eo

'A idade do ferro', obra de José M. Salgado, pode verse na Sede Afundación ata o 14 de xullo

Publicada o

- Advertisement -

Os ferreiros de Riotorto, A Pontenova, Fonsagrada, e dos concellos asturianos de Taramundi, e Santa Eulalia e San Martín de Oscos son protagonistas da exposición fotográfica “A idade do ferro”, que pode verse ata o  vindeiro 14 de xullo na Sede Afundación en Lugo. Obra do fotoxornalista coruñés José M. Salgado, a mostra documenta a tradición ferreira nas vertentes lucense e asturiana do río Eo e noutros puntos da provincia.

“O traballo do ferro dotou esta área fronteiriza dunha personalidade propia durante sÉCULOS”

O autor retratou uns sesenta artesáns, algúns retirados e outros en activo, que manteñen viva un oficio centenario e que fan desta zona fronteiriza, aínda hoxe, “a área europea con maior concentración de forxas en activo”.  As fotografías, apoiadas en textos con cadansúa historia persoal, mostran aos artesáns en escenas de traballo, en forxas tradicionais ou obradoiros que incorporaron certos elementos de mecanización.

UN OFICIO EN DECLIVE

Riotorto e Taramundi concentran boa parte destes obradoiros de ferro  aínda en funcionamento. Os artesáns do concello lucense –onde na década dos corenta existían ata 56 forxas, segundo figura nun artigo publicado en El Compostelano por Eduardo Lence Santar – destacan pola elaboración de fouciños, cos que antano abastecían aos segadores de Castela, e de coitelos. En Taramundi, o desenvolvemento do turismo rural  -con este patrimonio cultural como un dos atractivos- favoreceu a produción de navallas típicas, que se  converteron en elementos icónicos e souvenir principal para os visitantes.

FOTOENSAIO ETNOGRÁFICO

A exposición é froito do traballo realizado por José M. Salgado entre os anos 2014 e 2017, nos que percorreu esta zona fronteiriza na busca dos últimos ferreiros, artesáns que atoparon acomodo nun medio rural que experimentou cambios profundos nas últimas décadas.

Os cauces dos ríos concentraban aos ferreiros, que facían a primeira transformación do ferro en mazos movidos pola auga

O autor cita como referentes deste traballo documental aos pioneiros da fotografía etnográfica de hai un século como Ferrer, Suárez, Ruth Mathilda Anderson ou Walter Ebeling. O etnógrafo alemán, que estudou das manifestacións culturais da parte oriental da provincia de Lugo, percorreu nos anos trinta o concello de Riotorto, deixando testemuño gráfico de patrimonio perdido  como o mazo de Chavarría, un dos tres que funcionaron no municipio ata a década dos oitenta.

ÚLTIMAS

Ampla oferta da UNED de Viveiro para o curso 2026/2027 con formación adaptada a varias etapas vitais

A Aula Universitaria da UNED en Viveiro encara o inicio do novo curso académico...

A Academia Xacobea incorpora a John Rutherford e Manuel Valín, ambos moi vinculados a Ribadeo e á Mariña

O director de Turismo de Galicia, Xosé Merelles, participou este domingo na sesión da...

Cortes na estrada de Xove ao Portiño de Morás por obras do 13 ao 16 de outubro

A Deputación de Lugo informou de cortes na LU-P-2601 desde o martes 13 de...