InicioCulturaMúsica e curtametraxes completan as Veladas de Teatro de Cervo

Música e curtametraxes completan as Veladas de Teatro de Cervo

O evento, que se celebrará de xoves a domingo, cumpre dezanove anos cun programa no que se dan cita grupos da Mariña Lucense e do Occidente de Asturias

Publicada o

- Advertisement -

O grupo O Bordelo organiza un ano máis as Veladas de Teatro de Cervo, que se celebrarán deste este xoves ao domingo na Praza do Souto. O programa inclúe catro representacións, de colectivos da Mariña Lucense e occidente de Asturias, pero tamén concertos e proxeccións de curtametraxes.

Todas as citas serán ás 21.30 horas, con entrada de balde. O grupo Ollomao, de Barreiros, abrirá as veladas este xoves coa recreación da obra ‘Enciclopedia Álvarez‘, unha adaptación dirixida por Ramón Casas Oroza.

O venres será a quenda de Ardora, de San Cibrao, que interpretará ‘O silencio do badal‘, obra de Paco Piñeiro dirixida por Paz Rodríguez Silva.

O sábado tocaralle a Teatro Baluarte, de Puerto de Vega. A formación naviega porá en escena a peza ‘El crédito‘, escrita por Jordi Galcerán e dirixida por Belén Álvarez.

O grupo local pechará a programación o domingo con ‘Toluras de proveito‘, escrita e dirixida por Piñeiro.

‘EXPRESS-ARTE’

Como é habitual, O Bordelo enriquecerá as xornadas teatrais con actuacións musicais ou proxeccións. Cada unha das obras estará precedida por un petisco artístico de arredor de media hora de duración, coñecido como ‘Express-arte‘.

A intención é, expón Piñeiro, “dar unha oportunidade a aquelas persoas que empezan, abrirlles unha fiestra para que a xente os vexa”.

O xoves proxectaranse dúas curtametraxes gravadas con actores de Cervo ou paisaxes do municipio. Unha delas está baseada nun suceso real de 1920 que ocorreu en Foz. “Foi similar a Romeo e Xulieta, unha historia de amor truncada polas familias”, precisa Piñeiro. Suso do Breogán recolleu a historia que serviu de base á película.

A outra curta é ‘Instrucciones para empezar a hablar en gallego‘, dirixida por Matías Nicieza, vencedora do certame que se celebra en Alfoz.

O venres, o grupo mindoniense Mondrum ofrecerá un concerto. Trátase dunha innovador formación de percusión, dirixido por Xan Carballal.

O sábado ofrecerá un concerto o vocalista José Luis Rodríguez “Rosino”, mentres que o domingo o trío caboverdiano Moreninhas fusionará a música galega coa do seu país de orixe.

ÚLTIMAS

Detido en Ribadeo o presunto autor dun roubo con forza na casa dun familiar

A Garda Civil detivo na localidade lucense de Ribadeo un veciño de Trabada, de...

A Carreira de Reis en Barreiros recadou 600€ para a asociación Saúde Mental A Mariña

A Carreira solidaria de Reis, organizada polo Concello de Barreiros, logra recadar 667 euros...

Balance positivo de ACISA da XIV Festa do Comercio en Ribadeo

Acisa fai un balance moi positivo da XIV Festa do Comercio, que reuniu o...

O 2 de marzo partirá de Ribadeo a IV Edición da Peregrinación ‘O Camiño do Mar Concello a Concello’

O vindeiro 2 de marzo partirá de Ribadeo a cuarta edición da peregrinación O...