Dúas alumnas do Colexio Público de Cervo viaxaron a Tesalónica, en Grecia, para participar nun proxecto de escritura creativa do programa Erasmus+ KA2, que no pasado mes de maio congregou na cidade helena a 17 estudantes e 14 mestres de seis países europeos: Polonia, Lituania, España, Portugal, Rumanía e Turquía.
Manuela Feijóo Rolán e Mara Fernández Iglesias –Roi González Quelle non puido participar ao mancarse nun pé-, estudantes de once anos e que cursan sexto de primaria, hospedáronse con familias gregas e traballaron con escolares da súa idade de boa parte da xeografía europea.
acudiron ao encontro 17 estudantes e 14 mestres de seis países diferentes
A viaxe foi unha experiencia desde que pisaron Grecia, pois a comunidade escolar do Dimotiko Sxoleio Triandrias, centro que aglutinou a iniciativa, recibiu aos visitantes vestidos cos traxes típicos da zona e con doces populares da súa terra, para a continuación explicar cunha peza teatral o mito de Europa.
“UN MÁSTER”
“Trouxemos dúas nenas novas”, asegura Esther Basanta, profesora de lingua estranxeira no colexio de Cervo. “Cando saímos do aeroporto estaban pegadas ás nosas faldas e á volta viñan máis maduras. Foron capaces de ser máis autónomas, de levar a morriña inicial e desfrutar das experiencias”, expón.
A docente resalta que a convivencia con persoas doutras culturas supón moitos beneficios, máis a idades temperás. “A ilusión que ten este alumnado é unha axuda. Todo lles sorprende, todo lles interesa. O factor da novidade fai que aprendan moito”, asegura Basanta. “Vivir por uns días coas familias gregas foi para elas un máster. Coñeceron outras maneiras de organizarse, de utilizar os espazos”, expón.
Ademais, a convivencia fortaleceu o seu dominio do inglés. “Non o aprendes de todo ata que non te ves na necesidade de falalo. Non lles quedou máis remedio, para comunicarse cos seus novos amigos tiveron que utilizalo”, indica Basanta.
ESCRITURA CREATIVA
O dominio do idioma resultoulles básico para participar no proxecto ‘Creating, Communicating, our Diversity we are Celebrating’, que tenta estimular a escritura creativa e o traballo colaborativo. Así, as nenas cervenses traballaron cos seus compañeiros en obradoiros sobre teatro de sombras e contos clásicos europeos, e mesmo lle deron unha volta humorística á Carrapuchiña Vermella para ambientar a fábula no Resurrection Fest de Celeiro.
EXCURSIÓNS
Os 17 participantes do plan gozaron de excursións. Visitaron Pella ou Vergina, a Torre Branca de Tesalónica e os museos arqueolóxico e bizantino. Tamén navegaron polo golfo de Thermaikos e foron recibidos no consistorio polo concelleiro de urbanismo, que explicou a historia multicultural da cidade grega.
O obxectivo do proxecto, cofinanciado pola Unión Europea, é educar ao alumnado na apreciación da diversidade cultural, pero tamén na capacidade de atopar elementos comúns nas culturas doutros países europeos. “Estas iniciativas non axudan só a eliminar os prexuízos senón tamén a mirar a cultura propia con outros ollos”, argumenta Basanta.
EN OUTUBRO, EN CERVO
No mes de outubro, estudantes gregos, polacos, lituanos, portugueses, romaneses e turcos visitarán Cervo no seguinte capítulo do intercambio. Ademais, está perfilado un viaxe a Lituania en abril do vindeiro ano.