InicioCulturaFin de festa en Burela

Fin de festa en Burela

A ofrenda floral aos falecidos no mar pechou as patronais, que se saldaron con éxito

Publicada o

- Advertisement -

As festas de Burela concluíron coa emotiva ofrenda floral ás persoas falecidas no mar. O evento clausurou as patronais na honra da Virxe do Carme e San Xoán Bautista, que comezaron o pasado 25 de maio.

A presidenta da comisión de festas, Toñi Eijo, fai un balance positivo desta edición, a terceira que impulsa esta agrupación. “A verdade é que moita xente nos comentou que quedara contenta cos festexos, tanto veciños como empresarios que viñeron a Burela co seu negocio”, asegura.

A climatoloxía, un condicionante habitual dos festextos, deu unha tregua. “O tempo acompañou esta vez. O sábado pola mañá choveu algo e parecía que nos ía prexudicar as alfombras, pero ao final mantívose ben e había moítisima xente, foi impresionante ver o recinto da festa”, expón Eijo.

HOMENAXE AO MAR

O programa, que incluíu doce días de festexos, pretendeu render homenaxe ao mar. Encargáronse do pregón tres membros do colectivo de xubilados A Moncloa, José Ben, Hortensio Abad e Santiago Rivera. As alfombras florais, que cumpriron 25 anos, fixeron repaso dos mellores tapices realizados ao longo destes cinco lustros. A procesión marítima congregou de novo a un importante número de embarcacións, tanto de altura como de baixura.

Detalle dunha das alfombras florais. CEDIDA/FESTAS PATRONAIS DE BURELA

ACTIVIDADES PARA TODOS

A comisión de festas organizou actividades para nenos e grandes. A actuación da música monfortina Rosa Cedrón, a presenza da noria meirande de Europa ou as verbenas fixeron as delicias dos asistentes. Unha das máis populares é o karaoke. “Cada ano vai a máis. Nesta edición houbo persoas que os tiveron que ver desde fóra do auditorio da casa da cultura porque non había sitio para tanta xente”, resalta Eijo, que terá que valorar se continuar na organización. “Xa son tres anos e dá moitísimo traballo, pero ver que a xente quedou satisfeita tamén che dá alento”, sinala.

ÚLTIMAS

Centos de persoas reclaman en Viveiro unha mellor sanidade pública e presentan 6.000 sinaturas de apoio

Centos de persoas --segundo os convocantes-- volveron a saír ás rúas de Viveiro para...

Arquivada a investigación sobre os vídeos de mulleres ouriñando na Maruxaina por falta de “indicios criminais”

O Tribunal de Instancia de Viveiro, praza nº1, acorda o sobresemento provisional da causa...

Dous feridos nun accidente entre dous vehículos en Foz

Dúas persoas resultaron feridas e unha delas tivo que ser excarcerada...