InicioCulturaUgía Pedreira: "o coro da Mariña quere cambiar a vida social na...

Ugía Pedreira: “o coro da Mariña quere cambiar a vida social na bisbarra”

A artista de Vilaronte dirixe o Coro da Mariña, que reúne 30 vocalistas desde Viveiro ata Vegadeo

Publicada o

- Advertisement -

Natural da aldea focega de Vilaronte, Ugía Pedreira é unha das vocalistas e autoras máis personais da música popular galega coa súa achega a Chouteira, Nordestinas ou Marful. A artista voltou á comarca coa súa familia e desde hai dous anos dirixe o Coro da Mariña, que xunta 30 cantantes desde Viveiro ata Vegadeo.

P. Como xurdiu o Coro da Mariña?

R. Regresei á Mariña co meu compañeiro, o músico Pierrot Rougier, e coa nosa nena Lua Awel. Vivimos durante una temporada en Rinlo e alí coñecín a belísima escola vella. Unha veciña, Laura, faloume do abandonado reloxio Canseco e de como xurdiu este edificio emblemático de Rinlo. Daquela soubemos que no pobo houbera un coro e foi como un sinal: por que non montar unha formación representativa da costa luguesa e occidente astur, que compartimos a mesma “nube gris” e o mesmo horizonte con prados que caen no mar.

Hai integrantes de case todos os puntos da bisbarra e do Occidente astur.

Si. Contamos cunhas 30 persoas e vén xente desde Viveiro, Cervo, Foz, Vilaronte, Barreiros, San Miguel de Reinante, Lugo, Ribadeo, Vegadeo e tamén de Rinlo. Hai persoas de 40 anos e outras que teñen 80, con diferentes niveis culturais e oficios variados. Hai ex profesores de instituto, unha percebeira, unha enfermeira, unha agricultora, o dono dunha funeraria, unha costureira.

CORO ABERTO

Está aberta a participación a quen queira entrar?

Está aberto a calquera persoa de calquera idade á que lle guste o canto e que sexa o suficientemente paciente e respectuosa para pertencer a un colectivo que ama cantar en xuntanza. O noso arranxista, Pierre, está moi pendiente da capacidade que ten o individuo cara a música e arranxa as voces segundo as súas habilidades. O coro baséase na xestualidade e expresión natural dos integrantes do grupo, poñemos en valor a diferenza como parte da súa forza. A enerxía que produce ten máis que ver co rock que coa polifónica de vila.

O Coro da Mariña. CEDIDA

REPERTORIO

O repertorio do coro é variado, pero de temática mariñeira.

Cantamos desde ‘Llévame hasta el mar‘ do falecido Manolo Tena ata ‘Serpientes de mar‘ de Silvio Rodríguez. Tamén unha peza dos Beach Boys, a canción cantábrica ‘Chalaneiro’, unha versión galega de ‘Viento del norte‘, de Nando Agüeros, que cantou esta mesma interpretación no ‘Luar’, ‘Alfonsina y el mar‘…

“aquí a pandeireta ou a gaita non foron raíñas. si hai un pouso de música americana de ida e volta, portuaria”

Como activista da música, como ve a súa saúde na Mariña?

En todas as terras do mundo hai unha música popular que identifica o territorio. Aquí, a música tradicional de pandeireta ou gaita non foi raíña. Pero si hai interesante pouso de repertorio de ida e volta americano, de música portuaria, ao ser zona de transición tamén ese feedback coa tonada asturiana adaptada ao modo galego, composición de autores descoñecidos, música dos bailes, rondallas… Hoxe cos medios de comunicación de masas, todo vén dado e pagado e hai que saber buscar apara atopar de improviso a naturalidade da música. Creo que se abandona o rural. Faltan proxectos enraizados no rural enfocados no ben común, que creen comunidade e habiliten espazos de xuntanza.

O 9 DE XUÑO, EN RIBADEO

Cales son os vindeiros proxectos do coro?

Colaboramos con Cristina Pato no espectáculo do Pergamino Vindel, que levou a Universidade de Vigo e que se baseou na obra de Martín Códax. Para nós foi unha grata experiencia, levar o norte ao Atlántico. Agora pensamos en tocar no teatro de Ribadeo o 9 de xuño. Somos moita xente e poñer as axendas á par é difícil.

“faltan proxectos no rural que habiliten espazos de xuntanza”

Do coro saíron varios proxectos paralelos, como Erikas e Peluxias.

Tratáse dun grupo de mulleres arredor da percusión e do canto, que fai coplas novas e transforma repertorio tradicional. Pero por riba de todo é un lugar de conversas e de activismo cultural. Organizamos un baile cos Cempés que tivo moi boa aceptación na zona, un curso de pandeiro vegano e un obradoiro con Henrique Peón.

Fan fincapé na integración social e nos beneficios persoais que supón a música. Cal e a súa achega?

O cantar está relacionado coa ledicia, pero tamén é un tabú en situacións negativas, como depresións ou mortes. E non debera ser así, pois pode supoñer un apoio e unha saída. Toda arte ten un eido favorecedor do benestar e do desenvolvemento persoal, e axuda a crear redes, lazos emotivos na comunidade e círculos de comunicación. En Rinlo temos un grupo de xente cada vez máis unido que quere cambiar a vida social da zona.

ÚLTIMAS

Burela realiza melloras na canceira municipal xestionada pola Asociación Bigotes

O Concello de Burela vén de realizar unha serie de melloras na canceira municipal,...

Espectáculo ‘Sentir’ do Mago Rafa no Pastor Díaz de Viveiro

O Teatro Pastor Díaz do Concello de Viveiro acollerá a representación do novo espectáculo...

Viveiro realiza labores de mantemento nas cunetas de Naseiro

A Tenencia de Alcaldía de Viveiro, a través da Concellería de Medio Rural, realizou...

O futuro da Mariña: unha historia aínda sen argumento

Alcoa anunciaba que paralizaba a construción do forno de cocción de ánodos, un dos compromisos...