O director de Turismo de Galicia, Xosé Merelles, participou este domingo na sesión da Academia Xacobea na que se oficializou a incorporación de John Rutherford como académico de honor e de Manuel Valín Valdés como académico correspondente.
Tal e como traslada o Goberno galego nuna nota de prensa, Merelles destacou que ambas as traxectorias achegan “coñecemento, experiencia e rigor” á institución, nun momento no que un novo Ano Santo se atopa “á volta da esquina”.
Ao fío disto, o director de Turismo de Galicia subliñou o traballo desta institución, que “contribúe a manter plenamente vixente este acontecemento, a estudar as súas implicacións e a difundir os seus valores”.
Neste sentido, Xosé Merelles destacou o perfil de Manuel Valín Valdés, cuxa traxectoria profesional e política está vinculada á Mariña lucense e, concretamente, a Ribadeo. Ademais, Valín foi socio fundador da Asociación de Amigos do Camiño do Norte na provincia de Lugo en 1989 e tamén participa na difusión do Camiño a través de eventos, artigos e traballos de investigación.
Canto ao hispanista británico John Rutherford, académico de honor, o director de Turismo lembrou a súa vinculación con Ribadeo, onde impulsa as xornadas Mar por Medio, que reúnen galeguistas españois, británicos e doutros países arredor da cultura e a literatura da Comunidade. Así mesmo, Rutherford é tradutor ao español e ao galego, e responsable da edición en inglés de autores como Castelao e Méndez Ferrín.
Finalmente, Merelles defendeu o Xacobeo “non só como unha experiencia única”, senón tamén como “un fenómeno global que debe vivirse, pero que tamén merece ser investigado e recoñecido”.
