Turismo de Galicia emitiu un informe favorable á solicitude do Concello de Mondoñedo para que As San Lucas sexan declaradas Festas de Interese Turístico Nacional, tras comprobar o cumprimento dos requisitos para este recoñecemento. Tal e como sinalou o Goberno galego en nota de prensa, As San Lucas contan desde 1998 coa declaración de Festa de Interese Turístico de Galicia e agora avanzan cara a un recoñecemento de ámbito nacional.
Neste contexto, o Goberno galego destacou a “singularidade” da celebración, cuxa orixe se remonta a 1156 e que, ao longo de máis de oito séculos, mantivo a súa vinculación co mundo ecuestre e rural. Así mesmo, a Xunta puxo en valor o “forte arraigamento” da celebración en Mondoñedo e a participación dos veciños, así como a súa capacidade para atraer visitantes e de xerar unha identidade colectiva para o municipio. A cita reúne a ao redor de 40.000 persoas durante os seus días de celebración e contribúe á dinamización turística, comercial e hoteleira da localidade.
Con esta valoración favorable da súa popularidade, antigüidade, participación cidadá e diversidade da súa programación, As San Lucas avanzan cara á declaración de Festa de Interese Turístico Nacional. Agora, o Goberno da localidade deberá remitir o expediente ao Ministerio de Industria e Turismo, organismo competente para resolver definitivamente a declaración.
