Os días 27 e 28 de xuño vaise celebrar o IV Encontro Álvaro Cunqueiro “Camiño ao Norte” de Mondoñedo. Cales van ser os eixos fundamentais deste cuarto encontro e que conlusións se busca ter do mesmo?
O IV Encontro Álvaro Cunqueiro pretende continuar un traballo aberto e que continúa logo das edicións anteriores. Cada encontro leva un subtítulo e nesta ocasión o título é “Camiño ao Norde”. Os subtítulos xogan cun título do propio Álvaro Cunqueiro, neste caso Camiño ao Norde pois é unha chiscadela de ollo con Mar ao Norde. O que buscamos no encontro é nuclear as xeografías cunqueirianas, é dicir, os espazos literarios ou vivenciais na figura literaria de Álvaro Cunqueiro. Todas as intervencións introducennos nun deses espazos que é axial, que é esencial na biopoética de Álvaro Cunqueiro. Iniciamos cunha conferencia da profesora Isabel Morán sobre Cunqueiro e Mondoñedo, porque é o berce nutricio e natalicio e o espazo xerminal da escrita e universo literario de Álvaro Cunqueiro.
E todo isto sen saír da Mariña, de Mondoñedo, de Galicia.
El mesmo confesou que, con independencia de que se el estaba falando do Oriente, do Sinbad, ou da Bretaña na que andaba o Sochantre, no fondo o que estaba facendo era describindo rúas de Mondoñedo ou espazos da Mariña. Precisamente, no primeiro día hai unha mesa redonda sobre Cunqueiro e a comarca, onde van estar Carlos Nuevo Cal e Martín Fernández Vizoso. Ambos abordarán o tempo que Cunqueiro viviu en distintos lugares da da Mariña ou pasou por eles, lugares “aumentados” na creación do autor, tanto na obra ficción, na narrativa e na obra articulística.
Mais Cunqueiro non só estivo en diferentes lugares da Mariña. El moveuse por diferentes lugares da xeografía galega. Iso tamén deixou pegada no seu traballo?
Esta é unha especie de espiral que vai abrindo os brazos e chega a Lugo. Sobre Cunqueiro e Lugo falarán a profesora Carmen Blanco e o profesor Claudio Rodríguez Fer, ambos os dous son lucenses, estudosos da obra de Cunqueiro e grandes coñecedores da da literatura propiamente lucense, da que son autores eles tamén. Entón falarán da do vínculo de Cunqueiro con Lugo onde estudou e asistíu ás tertulias que había na cidade. Seguindo nesa nesa dinámica, a seguinte mesa redonda abordará a relación de Cunqueiro, Santiago de Compostela e o Camiño de Santiago. Esta é unha cidade significada para a traxectoria literaria e intelectual de Álvaro Cunqueiro. El mesmo estudou en Santiago, estivo matriculado na Universidade e nesa cidade tamén apareceron os seus primeiros libros publicados. Lembremos que Santiago era o epicentro da literatura galega. Logo está o Camiño de Santiago pois ten escrito libros sobre o mesmo pois é unha referencia vertebral na súa literatura sobre todo de viaxes. Esta parte será abordada por Lois Celeiro, que ademais é especialista no tema, pois está na Academia Xacobea, polo tanto, unha persoa que coñece moi ben o Camiño. Tamén estará Xosé Antonio López Silva, que tamén coñece esta realidade.
Tamén está o Cunqueiro que creou un mundo literario arredor do rei Artur e o mago Merlín. Esa parte estará tamén presente?
Pois si, abriremos a espiral á Bretaña. A figura de Cunqueiro proxéctase dende Galicia para o mundo e iso inclúe Bretaña. Sobre isto falarán o profesor Javier Gómez Vázquez, docente no IES eh San Rosendo de Mondoñedo. Trátase dun estudoso e crítico literario, colaborador de prensa, e tamén estará a investigadora Laura Paz Fentanes. Os dous mapearán esa esa realidade de Cunqueiro e a Bretaña. En relación a isto deberiamos ter en conta que a Cunqueiro acostumamos a velo como un escritor da literatura galega, tamén da literatura española, mais cómpre saber que os bretóns tamén o consideran un autor da literatura bretoa. Consideran As Crónicas do Sochantre un volume de narrativa esencial para eles. Por último, as conferencias pecharán coa da xornalista María Xosé Porteiro, quen falará sobre Cunqueiro e Vigo porque esta cidade forma parte do Alfa e Omega vital de Cunqueiro, unha cidade onde el viviu e traballou.
A última pregunta que me gustaría facerche é esta: canto queda aínda por explorar de Cunqueiro?
Cunqueiro é unha literatura el só, é inesgotable. Podería existir unha lexión de estudosos da súa obra e ao mellor non daríamos chegado ao fondo da mesma. É un autor que lle fala a todas as xeracións, sempre será un autor esencial, mesmo cando nós non esteamos e por iso será lido de xeración en xeración. Digo isto porque o seu traballo foi o de narrador, autor teatral, ensaísta, poeta e xornalista. Dentro desta última faceta poderiamos dicir que foi un creador “voraz” pois calculamos que escribiu sobre 20 000 artigos ou máis. A proba de que é un autor vixente está na produción case anual de novos estudos e recompilatorios sobre o seu traballo xornalístico. Un autor así nunca se acaba de coñecer por completo, esa é a grandeza dun escritor que é unha literatura e a quen cada un de nós se pode achegar a el recreando o seu propio Cunqueiro.
