-Que visión tiñas sobre o galego e Galicia antes de vivir aquí?
Eu estivera hai anos de vacacións en Galicia cando era noviña, coa miña familia. Mais o galego e Galicia eran algo inseparable para min porque, cando decidín vivir aquí, comecei a estudar galego xa antes de vir, daquela xa coñecía algo a cultura e a sociolingüística.
-Como foi o teu primeiro contacto co galego e de que maneira comezaches a estudalo?
Empecei de maneira moi autodidacta, con materiais non pensados para a docencia, senón escoitando podcasts, escoitando a ‘Ataque Escampe’, con algúns libros xuvenís e logo con lecturas xerais e tamén vendo series na plataforma da CRTVG. Logo decateime que avanzaba mais aínda me faltaba base gramatical. Alguén me falou dos cursos en liña da Xunta e matriculeime nun deles en Valencia e aí foime xenial. Coa axuda da profesora aprendín moitísimo a nivel de C1, de gramática e a colocar os pronomes, realmente foime moi ben para poder ter esa base máis formal.
-Agora mesmo vives en Viveiro. Percibiches algunha diferenza entre o galego que aprendiches e o galego que escoitas no teu día a día?
Si, claro. A miña primeira lingua é o catalán, concremamente o catalán de Valencia, e notei o que se nota na maioría das linguas minorizadas, o estándar está alonxado da fala coloquial que está contaminada polo castelán. A xente dime “é que ti falas galego moi ben, non coma nós”, porque eu falo o normativo, consideran que falar o galego normativo é falalo ben cando é moito máis xenuino que o meu. A diferenza é que no coloquial hai moita máis contaminación do castelán.
-Existe algunha similitude entre o galego e o catalán que falas ti?
Si, a fonética, foi algo moi doado para min. As vogais abertas como o “é” aberto e o “ó” aberto tamén as temos, o fonema “x” tamén o temos. O único que debín aprender é o “nh” de “unha”, polo demais, a fonética xa a tiña controlada.
-Que te determinou a vivir en Galicia?
Eu fuxía da calor, sobre todo, pasábao moi mal no verán en Valencia. Gústame o frío, mais tampouco preciso ter temperaturas moi frías. A costa galega era perfecta para min polo clima.
-Durante o teu día a día falando en galego cando dis que es de Valencia, cal é a reacción da xente?
A xente adoita sorprenderse mesmo insisten en preguntar por que falo galego, se xa vivira antes aquí ou se teño familia en Galicia. Ás veces penso en inventar unha falsa historia sobre as miñas orixes no rural de Ourense e non ter que responder ás mesmas preguntas (ir). Por algunha razón, a xente de aquí di que teño acento de Ourense.
-Ti como ves a relación da xente de aí co galego?
Vin unha diferenza moi grande cando finalizou o verán. Eu cheguei en agosto e eu non escoitaba falar galego, daquela pensei que sería a única en falalo. Mais cando se foron os turistas e apareceu o galego, como un animal mitolóxico. Sabía do turismo mais non esperaba un cambio tan grande, entón a partir de setembro xa vin as cousas con máis optimismo. Aínda así, non escoito tanto galego como gustaría entre o alumnado máis novo, mesmo moitos alumnos meus me falan en castelán. Na miña contorna vexo algo dese autoodio das linguas minorizadas e tamén observo esa tendencia a falar en castelán se es de fóra aínda que lles fales en galego. A min xa me falan en galego ou polo menos a xente me entende.
-Existe o mesmo complexo de inferioridade en Valencia que en Galicia en relación coa lingua?
Si, e a maiores, en Valencia temos o conflito lingüístico que se alimenta moito pola dereita en xeral contra o catalán de Cataluña. Temos o problema de que o valenciano non serve para nada, como aquí co galego, mais tamén temos a idea esta de que o catalán quere roubarnos a lingua, a paella e non sei que máis cousas que usa a dereita contra a nosa lingua. Esta semana mesmo saíu un decreto do goberno valenciano polo cal se vai retirar do currículum de literatura en Valencia os autores cataláns. Moitos dos nosos clásicos naceron nas Baleares ou en Cataluña mais é a mesma lingua.
