InicioCulturaJosé Leal: "O Cantábrico galego estaba moi esquecido na historiografía galega, por...

José Leal: “O Cantábrico galego estaba moi esquecido na historiografía galega, por iso quixen escribir sobre el”

O investigador José María Leal vén de gañar o premio ex-aequo da XII Edición dos Premios Valentín Paz Andrade, coa súa tese “Pesca y empresa en la Galicia cantábrica. De Cariño a Ribadeo entre el Catastro de Ensenada y la cuenca salinera”. Este é un percorrido pola historia, moi descoñecida, das relacións comerciais e industriais da costa cantábrica galega.

Publicada o

- Advertisement -

-Por que escribiches este traballo sobre a pesca no Cantábrico de Lugo?

Sobe o Cantábrico galego non había nada escrito na historiografía galega, agás unha obra do ano 1971 de Antonio Meijide Pardo, o resto era Atlántico. A Universidade tiña esquecido o Cantábrido e por iso quixen escribir sobre el e comparar se sucedía o mesmo cos cataláns, coa salga e a pesca que viña ocorrendo no Atlántico.

-Cales eran as grandes diferenzas entre unha costa e outra dentro de Galicia?

A organización da pesca era idéntica e estaba controlada polos gremios, os propietarios de lanchas e de artes. Había un control dos portos pesqueiros por parte da fidalguía, como Nois e Foz, da Igrexa como o de San Cibrao e logo os de propiedade Real como Viveiro. Nese sentido non hai grandes diferencias e nas artes de pesca tampouco antes da chegada dos cataláns. Estes últimos chegaron desde Ferrol á Mariña vendendo viño e augardentes. Logo daranse conta que no golfo Ártabro e na costa de Lugo hai sardiña e a partir de aí dedicaranse na súa pesca e transformación. A diferenza presentarase en que nas Rías Baixas os cataláns serán donos de todo o entramado pesqueiro marítimo-comercial, na Mariña e en Ortegal non terá esa predominancia. A protoburguesía local como a de Viveiro, Celeiro, Ribadeo e Ortigueira acabarán impoñéndose aos cataláns. Se nas Rías Baixas serán eles, maioritariamente, quen dominen a conserva hermética de peixe, no Cantábrico non será eles pois a partir de 1820 ou 1830 desaparecen e a conserva será cousa doutras persoas. A burguesía catalá será a dona da industria pesqueira nas Rías Baixas mais na Mariña será xente local.

-Este produto en salga era exportado fóra da comarca?

Hai que diferenciar entre a salga galega, o escochado, sacarlle a cabeza e as tripas ao peixe e botarlle sal, esa era unha forma tradicional de aquí. Logo estaba o afumado que era colocalo sobre un forno do que saía fume, abrir as pescadas e os congros sobre grellas para que se deshidrataran e a partir do século XVI chega o escabeche. Estas eran maneiras artesanais. Cando chegan os cataláns traen a técnica do “salpresado”, salgar o peixe directamente en auga e logo prensalo, non o evisceran. Despois, a sardiña salgada en ambos os dous métodos era exportada ao Cantábrico oriental, Asturias, Cantabria e País Vasco e unha parte chega tamén a Francia. Isto é así até os anos 1830.

-Que sucedeu a partir dese momento?

A partir dese momento Cataluña comeza a industrialización do téxtil e vai necesitar alimentar a toda a poboación obreira. O proletariado, basicamente feminino, das factorías catalás alimentarase con sardiña salgada galega, por tanto, o produto que antes ía ao Cantábrico vira e vai cara Cataluña e a sardiña convértese nunha proteína barata. No periplo de barcos cara o Cantábrico oriental, os barcos volven con trigo e viño francés, o mineral de ferro para construír barcos no arsenal de Ferrol. De Cantabria traerán trigo de Terra de Campos e de Asturias, sidra, cal para calafatear barcos e basificar os solos antes de labrar. Tamén había comercio coas Rías Baixas de onde traían viño do Ribeiro.

-O comercio marítimo chegaba tamén a outras zonas máis lonxe como o Norte de Europa?

Case todo o comercio marítimo cantábrico se centraba en Ribadeo, polo menos unha boa parte. Daquela era unha exportación moi pobre, aceite ou graxa de balea, sardiña e froitas para os barcos de singraduras longas para previr o escorbuto ademais de colle auga. No caso de Ribadeo temos unha reexportación de produtos que chegaban das Rías Baixas e logo eran reenviados a Europa, facían escala en Ribadeo onde tamén paraban os barcos que chegaban do sur hispánico con aceitunas ou aceite que logo partían cara Europa.

-Todo este comercio e tránsito de barcos, que pegada deixou no terreo?

Hai un comercio moi relevante no último terzo do século XIX de importación de liño do Báltico polos portos de Viveiro e Ribadeo e quen estaba detrás disto era unha burguesía de orixe asturiano. Había un comercio moi intenso, de feito, os lenzos de liña tecidos na comarca de Viveiro teñen moita sona dentro da Península. Dentro da Península tiña moito prestixio o lenzo de Viveiro, “lienzo de Vivero”. Este liño viña de Riga ou San Petesburgo e o produto, o liño xa tecido, exportábase por mar por Ribadeo e Viveiro. Había outra liña de exportación que se abría sobre todo no verán, cando a xente baixaba segar a Castela levan canda eles, fardos de liño feitos por encargo. O liño é a tea dos pobres, podes cultivalo ti, mais se queres unha produción elevada tes que importalo. Tamén se exportaban por terra mediante as recuas de mulas que traían os maragatos, estes chegaban aos portos da Mariña buscando sardiña e liño.

ÚLTIMAS

Trabada recibe o plano cos beneficiarios dos descontos da luz vinculados ao parque do Mondigo

O Concello de Trabada vén de recibir por parte de Recursos de Galicia e...

Correos activa o servizo de transporte de mochilas no Camiño norte no seu paso por Ribadeo

Os peregrinos que realicen o Camiño de Santiago este ano xa teñen dispoñible o...

Ribadeo anuncia melloras na accesibilidade para a Rúa Virxe do Camiño

O alcalde, Dani Vega, dixo que “seguimos mellorando a zona da Virxe do Camiño....

Barreiros inaugura a exposición “Fauna Esencial”

Esta mañá ás 11:30 horas tivo lugar a inauguración da Exposición “Fauna Esencial” da...