InicioCulturaLuís Alonso Girgado: "O perfil biográfico de Cunqueiro está máis presente no...

Luís Alonso Girgado: “O perfil biográfico de Cunqueiro está máis presente no xornalismo”

Luís Álvarez Girgado, profesor, catedrático de ensino medio e un investigador comprometido coa obra de Álvaro Cunqueiro, será o novo Cunqueiriano de Honra nunha cerimonia que se levará adiante na Casa Museo de Álvaro Cunqueiro.

Publicada o

- Advertisement -

– Recentemente foi nomeado Cunqueiriano de Honra como recoñecemento á súa traxectoria profesional e editorial. Cal e a sensación?

Debo dicir primeiro que estiven moitos anos ligado ao mundo do ensino. Traballei até a miña xubilación no Centro Ramón Piñeiro de Investigación en Humanidades e nesta institución, como investigador e profesor, foi onde máis contactei coa vida e obra de Álvaro Cunqueiro. Á parte dese labor de investigación, tamén colaboramos coa libraría-editorial Follas Novas de Santiago, onde fixemos media ducia de publicacións. Traballamos arreo e de aí veñen as diversas publicacións sobre a vida de Cunqueiro e, sobre todo, do seu ámbito xornalístico. Case 400 están publicadas en ‘Sábado Gráfico’. Por outra parte, a serie ‘Los días de la noche’ reúne a materia máis galega. Aí traballamos con grupos de bolseiros e bolseiras, xente que traballou moito, e á que lle agradezo todo o seu labor.

-Referíndonos á produción xornalística de Cunqueiro, que trazos literarios están presentes nos seus artigos?

Creo que o perfil biográfico de Cunqueiro está máis presente no xornalismo que na produción literaria. Aínda que nos dous recibiu premios, agasallos e distinción, a súa faceta xornalística é dunha calidade extraordinaria e cuantitativamente supera moito a canto fixo en materia literaria. Cunqueiro odiaba do xornalismo que fose unha profesion que “ata” os e as xornalistas, porque os artigos, noticias e demais traballos deben estar diariamente á mesma hora e “iso cansa”. Cunqueiro como xornalista ten dúas constantes: Galicia e o tempo pasado. Nunca traballou a información nin a actualidade. Foi un autor de evocación do ámbito galego e abordou diversos aspectos: os culturais, os estéticos, os artísticos e os imaxinativos. A prosa de Cunqueiro é brillante e esteticamente dun valor considerable, aínda no xornal. Tivemos moita sorte de que César Antonio Molina desenvolvese un traballo moi interesante recompilando moitos dos artigos de Cunqueiro en varios volumes na editorial Tusquets. Galaxia tamén publicou artigos do autor mindoniense e Follas Novas fixo o xa mencionado recompilatorio sobre o xornal ‘La Noche’, o xornal galego de altura literaria máis importante do seu tempo. Nese medio colaboraron moito Paco del Riego e, sobre todo, Raimundo García Domínguez “Borobó”.

-Á parte do recoñecemento por todo ese traballo realizado sobre a figura de Álvaro Cunqueiro, que lle supuxo recibir a noticia de ser nomeado Cunqueiriano de Honra?

Eu xa ando sobre os 80 anos e aínda non o podo crer. A esta idade xa poucas cousas se poden esperar. Mais sobre a pregunta, gústame que o ámbito onde nace o premio estea arrodeado con nomes de xente seria. Non o esperaba. Estou moi agradecido, por min e por toda a xente que me axudou. Dou tamén as grazas ao fillo de Cunqueiro por terme proporcionado os orixinais de ‘Sábado Gráfico’ -e ao director da publicación, que desgraciadamente faleceu, ao xurado e á xente das editoriais, do Ramón Piñeiro e de Follas Novas; sen eles non podería ter feito nada. Digo isto porque son un catedrático de ensino medio dedicado ás miñas aulas. Xunto a isto, recordo que cando eu era neno na Coruña, en Radio Nacional de España EAJ 41, emitíase unha sección que tiña ás dez da noite e que levaba por título ‘Hoy en Galicia, por Álvaro Cunqueiro’. Eu achegábame ao aparato e gozaba con aquelas marabillas locutadas por unha voz que me encataba. Moito despois, en El Correo Gallego, fundamos Correo Cultural e unha vez ocorréusenos crear un premio que queriamos denominar Premio Álvaro Cunqueiro. Na primeira convocatoria saíu premiado un artigo dun profesor da Universidade de Oviedo. Titulábase “Cunqueiro o la bola de nieve”, unha peza moi fermosa. Aquilo foi un desastre. Nin se chegou a organizar un acto de entrega do premio e tivemos que falar co autor e dicirlle que o lamentabamos.

-Mais eses contratempos non impediron que continuasen.

Continuamos, si. Logo fixemos un libro sobre prólogos e outros textos breves de Cunqueiro e tamén publicamos cartas escritas para amigos seus. Este material espero poder levalo á biblioteca da Casa Museo e á Biblioteca Municipal de Mondoñedo. E todo isto sen un patacón público, nin Xunta nin nada, alí pagou todo Follas Novas. E aínda así chegamos aos setenta títulos.

-Segue traballando sobre outros autores?

Pois quixera dicir que hai uns días publicouse un volume con artigos de Ramón Otero Pedrayo. Todos eses textos foron publicados en ‘La Región’ de Ourense.

ÚLTIMAS

Cristina Lagares, libraría Bahía: “Quero continuar co modelo de traballo da libraría porque sempre funcionou ben”

Cristina Lagares, -Por que te decidiches a embarcarte nesta aventura da Libraría Bahía? Antes disto...

O goberno local de Foz critica que o voceiro do PP “minta só para conseguir un titular”

A portavoz do goberno local socialista de Foz e concelleira de Facenda, Inés López...

A Deputación asume o financiamento da residencia de maiores de Ribadeo

Concello de Ribadeo e Deputación de Lugo asinaron este venres o convenio polo...

Cervo asume gran parte do incremento de prezos da residencia municipal

O Concello de Cervo comprométese a asumir gran parte do impacto que implica o...