-A súa novela Elas dúas transcorre na Pontevedra de mediados do século XX. Como consegue reconstruír unha época de hai case setenta anos?
Hai coñecemento directo, mais eu non son tan maior e tampouco vivía en Pontevedra daquela. Iso si, levo moito tempo coñecendo moitas das persoas que configuraban o ambiente cidadán e a paisaxe moral da cidade en pleno franquismo, anos de penitencia. Tamén recollín testemuños persoais de viva voz e documentación literaria, estudos históricos e culturais sobre a música, o cinema proxectado daquela, a información da prensa e a documentación gráfica. As fotografías mostran como eran as rúas, os edificios e tamén como vestía a persoa. Ese traballo de documentación previo ao acto de escribir é unha parte moi importante da mesma escrita. Non sei se lle pasa a outros autores, mais para min é a parte con maior atractivo, o poñerme a argallar un argumento e unhas subtramas, en definitiva, unha historia.
-Esta novela narra a vida de dúas mulleres que manteñen unha relación entre elas. Como fixo para afondar na creación dos personaxes protagonistas?
Aínda hoxe batemos con moitos atrancos e con moitas incomprensións, mesmo inxustizas, cando falamos de determinadas opcións sexuais, sentimentais e afectivas, mais debemos recoñecer que agora estamos a anos luz do que sucedía antes. Naquel tempo era enfrontar rebeldía contra convencións sociais e ir alén delas. Nese sentido, era moi heroico entregarse a unha opción sexual como a recollida nesta novela. O traballo de rescatar esa memoria -raíz do noso tempo- e recordar os atrancos que debían vencer dúas persoas que se amaban e manter viva esa chama ten pleno sentido agora, xusto cando existen certos sectores sociais e da política con intención de dar pasos cara atrás en dereitos conquistados.
-Houbo algunha historia real que inspirase o corpo de Elas dúas?
Non, mais recordo algúns testemuños que chegaban como de esguello. Unha altísima porcentaxe do que se conta é ficción.
-Como imaxina as protagonistas a día de hoxe?
Vivirían con menos secretismo. Poderían moverse máis e non manterse entre catro paredes. Vivirían dunha maneira máis natural e máis espontánea. Aquela sociedade cunha mentalidade policialmente moralista estaba rexida polo nacional catolicismo.
-Que supón para vostede recibir o ‘Premio Álvaro Cunqueiro de Novela’?
Supón moito. Entrégase nunha cidade episcopal e histórica e o premio leva un nome tan sonoro como o de Álvaro Cunqueiro. El foi un grande escritor do século XX galego, mais resulta, e resultaría, un nome sonoro para calquera sistema literario. Eu sigo os autores dos Premios Nobel destes últimos anos e sempre acabo pensando que Álvaro Cunqueiro puido ser o primeiro Premio Nobel galego escribindo en galego. Nese sentido, unir o nome dun autor ao de Cunqueiro é situalo nunha compaña magnífica.
-Como influiu o mesmo Cunqueiro na súa escrita?
Influíu desde a admiración porque é un escritor co que sempre gozamos e aprendemos os lectores. É un caso de difícil seguimento polo estilo que marcou a súa obra. Intentar emulalo faría moi evidente ese seguidismo. Conseguir unha voz propia desde o seguidismo é algo imposible. Cunqueiro está aí, hai que lelo, admiralo, pois hai razóns obxectivas para facelo, mais depois seguilo desde o que ti escribas é
complicado. Digo isto, porque desde a primeira frase da primeira páxina sería evidente que se está intentando un pastiche. Iso, para un
autor que queira construír unha voz propia, vólveselle costa arriba, polo menos no meu caso é así.
-Cal é a principal característica desta novela, Elas dúas, fronte outros traballos seus xa publicados?
Tanto os argumentos como os protagonistas nacen dun tempo e dun espazo determinado. Os protagonistas van reclamando a súa propia autonomía de funcionamento e o escritor debe deixalos seguir o seu camiño. Nese sentido, cada camiño é distinto e neste caso tamén é así. Iso demanda, se cadra, un tipo de fraseo, un tipo de capítulos e de achegamentos e, seguindo isto, os libros que escribo son distintos entre eles, na estrutura, na maneira de ver as cousas e partindo dun enfoque persoal, evidentemente. Neste caso, dentro da miña traxectoria é un libro do que estou especialmente satisfeito.
