O Concello de Xove continúa coa súa programación cultural de Nadal e, neste marco, mañá martes 30 de decembro ás 18:00 horas, o Salón de Actos do Centro Cívico de Xoveacollerá a representación da obra teatral “O Apalpador e a Nena Sen Medo”, da compañía A Xanela do Maxín.
Trátase dun espectáculo pensado para público familiar, no que a tradición do Apalpador cobra vida a través dunha historia chea de fantasía, humor e tenrura. A obra combina música, interpretación e participación do público, ofrecendo unha experiencia de entretemento e diversión na que pequenos e maiores poderán gozar dunha actividade máxica propia destas datas.
O Concello de Xove convida a toda a veciñanza e visitantes a acudir a esta proposta cultural que busca non só fomentar o teatro como ferramenta educativa, senón tamén celebrar o espírito do nadal mediante unha actividade accesible para todas as idades.
