-Tiveches algún motivo especial para decidirte a aprender galego?
O primeiro, quería aprendelo, claro, mais tamén é porque traballo a tempo parcial desde hai catro anos entre tres ou catro meses por ano. Hai uns meses atrás decidín alugar unha vivenda na Mariña para todo o ano. Daquela entendín que era o momento de aprender a lingua que fala a xente de aquí. Traballo en Viveiro e Mondoñedo mais agora vivo en Burela mais estou en proceso de ver se fico alí.
-Cal foi a principal dificultade nun primeiro momento para aprender galego?
Facer o cambio de “chip” para poder falar nesta lingua. Digo isto porque un pouco do galego si se entende, mais a grande dificultade é a falta de coñecemento e de práctica. Non todo o mundo fala galego cunha persoa castelán-falante, é frecuente que no meu ambiente laboral a xente non fale galego, tamén ás veces un sente vergoña se non o fala correctamente.
-Cal é o trazo que máis che chamou a atención cando comezaches a estudar?
O uso do X, chámame moito a atención, aínda non percibo ben os verbos mais o profesor considera que é algo principal mais para min aínda son difíciles. O mellor é que o curso non é só de lingua, é un curso de ‘Lingua e cultura galega’. O noso profesor fainos unha introducción a diversos elementos da historia e lugares de Galicia e iso fai máis real a aprendizaxe, porque un pobo é a súa cultura e a súa lingua. Iso axuda moito para sentirme con máis forza e desexos de aprender.
-Canto tempo levas asistindo a este curso e como o practicas?
Levo dous meses. Temos tres sesións semanais dunha hora online, de cando en vez facemos encontros persoais do grupo.
-Actualmente traballas como matrona na Mariña. Traballas nalgún centro de saúde?
Efectivamente, traballo como matrona. Desenvolvo o meu labor nos centros de saúde de Mondoñedo e Viveiro. Os luns, mércores e xoves vou a Viveiro e martes e venres vou a Mondoñedo.
-Tamén es unha persoa que investiga a violencia obstétrica. Cal é o obxectivo desta investigación?
O obxectivo é contribuír a que a muller e o home que van ter fillos, sobre todo a muller porque é ela quen xesta, pare e ten o suxeito xurídico que é a relación cos profesionais e o sistema sanitario. Isto implica que o sistema sanitario acompañe e permita as decisións da muller, porque a Lei de Autonomía do Paciente permite que a persoa usuaria se relacione co sistema desde un plano horizontal na toma de decisións, isto non sucede realmente na obstetricia. A obstetricia é unha das ciencias médicas máis impermeables ao coñecemento científico e as prácticas moitas veces non son consensuadas dunha maneira consciente pola muller que leva adiante o proceso de xestación e o parto. Estas investigacións queren mostrar cal é a realidade en España, mais parte das investigacións son tamén internacionais. Isto en si é unha cuestión do sistema pois fai que a muller non estea en óptimas posicións para influír sobre o seu propio parto.
