InicioCulturaPepe Penabade: "Desde o Teatro das Cortes traballamos para normalizar a cultura"

Pepe Penabade: “Desde o Teatro das Cortes traballamos para normalizar a cultura”

Pepe Penabade, actor, profesor de teatro e dinamizador cultural, forma parte da Asociación Cultural Volta e Dálle que está detrás do Teatro das Cortes. No lugar de Xestoso, parroquia de Cabanas, O Vicedo, abriu hai tres anos esta iniciativa que anima cunha ampla oferta a vida cultural da Mariña, ou mellor aínda, loita contra o baleiro cultural. Para iso reformaron unhas antigas cortes de vacas e transformáronas nunha sala para teatro, concertos, exposicións e moitas actividades máis. Achegámonos a Penabade para que nos describa o que acontece agora neste Teatro das Cortes.

Publicada o

- Advertisement -

-Como é que nace unha iniciativa coma esta, O Teatro das Cortes?

Eu son de aquí, de Cabanas, no Vicedo, mais botei media vida en Compostela traballando como actor de teatro, dando cursos de teatro ou traballando en series. Levaba tempo tentando facer algo pola Mariña e comezamos cun proxecto de escola de teatro en Viveiro mais non foi para adiante por pouco. En 2016 fixen unha asociación cultural que non comezaría a funcionar até o 2022. En 2019 detectáronme un cancro e comecei co Teatro das Cortes para manter a cabeza ocupada, por iso mirei se había posibilidades de abrir un espazo cultural. Eu tiña unha compañía de teatro que se chamaba ‘Volta e Dálle”, igual que a Asociación Cultural, onde participaban persoas como Comba Campoy -que ten parte da familia en Barreiros-, Carlos Santiago e Lucho Penabade e máis xente do teatro. Fixémolo para darlle unha cobertura legal ao proxecto. Desta maneira comezamos a facer actividades no teleclube de Cabanas antes de que estivese acondicionado o Teatro das Cortes. Unha vez listo, demos saída ás iniciativas que tiñamos pensadas.

-Fisicamente como é o Teatro das Cortes?

O Teatro das Cortes foi unha explotación gandeira dos anos 1970s onde había dez vacas, pois daquela con ese número de cabezas vivía unha familia, agora fan falta 100. De feito no chan aínda están os canalóns para evacuar os xurros, mais non hai problema porque agora está todo limpo.

-Como cualificarías os resultados dos tres anos de traballo no Teatro das Cortes?

Son o primeiro sorprendido pola asistencia de público. Teño experiencia como monitor de teatro en asociacións culturais, concretamente traballei na Asociación Papaventos de Vedra, cerca de Compostela, durante cinco anos e aí consolidamos un proxecto moi atractivo. O teatro, como implica tantas artes, é unha excelente ferramenta para a dinamización cultural. Se consegues un equipo que se implique, o éxito está garantido. É unha arma marabillosa para a autoestima, para aprender de todo, é unha arte moi completa. Unha estratexia aquí foi comezar con teatro. Na estrea actuaron Carlos Santiago e Vítor Mosqueira e desde aquela o teatro é unha das facetas á cal lle dedicamos máis esfozo. Porque, a verdade, este non é un espazo moi grande, cen metros cadrados, mais sempre está cheo. Á parte diso, aquí funcionan ben as tardes temáticas, a última que tivemos foi a que dedicamos a Castelao. Estas Tardes Temáticas comezan ás sete da tarde e acaban ás dez e media da noite, con descansos. Aínda temos a exposición sobre Castelao, mais tamén houbo teatro, houbo un concerto dun grupo de música rianxeiro ‘Baraunda’. Digamos que quen veña pode pasar unha tarde moi completa.

-Cal é o motivo detrás da exposición sobre Castelao?

É o aniversario da súa morte hai 75 anos. Castelao, aínda que pareza incrible, non é un artista moi coñecido polos galegos. O outro día vin un vídeo que está colgado pola Rede, en Youtube, titulado “Coñecen os galegos a Castelao?”. Non sei quen o fixo, o certo é que un bota as mans á cabeza cando escoita pola rúa algunha entrevista sobre Castelao. O motivo da exposición é que unha das claves da nosa asociación, neste caso fóra da parte política que tamén é moi importante, é a difusión de Castelao como parte importante da nosa cultura, da literatura e desde logo da política.

-En que consiste esta exposición?

É unha mostra que está movendo a Área de Cultura da Deputación de Lugo pola provincia. Consta de oito paneis onde se explica cronoloxicamente a actividade política desde o ano 1934 e a publicación da súa obra política máis importante ‘Sempre en Galiza’. Logo vén a exposición que complementaremos coa lectura de fragmentos deste libro.

-Cal é o significado do Bosque dos Valores e para que foi deseñado?

O Bosque dos Valores vai na liña de mellorar a nosa autoestima, da posta en valor da identidade cultural galega, en definitiva, é unha mostra de fotografías que recolleu Eduardo de Martís no proxecto de ‘Galicia Latente’. Por iso temos esta exposición permanente de trinta fotografías cunha audioguía á que os visitantes poden acceder mediante un código QR. Cando hai visitas numerosas comentamos as fotografías co mesmo Eduardo de Martís e visitamos a exposición.

-Cales son os plans do Teatro das Cortes para os vindeiros meses?

Os plans de futuro van coa experiencia que imos recollendo porque este ano, por exemplo, fixemos o Festival da Lingua Moza que foi todo un éxito, dous días sobre a lingua galega onde houbo espectáculos de teatro, música para un público familiar e de rapaces. Fíxose de tal maneira que pode haber algúns que descubriron como o leite non sae da neveira senón dunha vaca, pois á parte diso, hainos que descubriron a aldea, a natureza, a importancia de coidar a natureza e conservar o idioma como elemento fundamental da nosa identidade cultural, como dicía Castelao. Mais falando do ano que vén, imos repetir este festival, esperamos consolidalo para ser un festival familiar onde pasen dous días en contacto coa natureza. Queremos manter unha programación estable, que non é doado, porque unha asociación sen ánimo de lucro non ten un orzamento moi elevado. Mais agora temos un día de programación ao mes xa que nós programamos até novembro, pois isto non deixa de ser unha corte de vacas e en inverno vai frío. Agora deseñaremos a programación de outubro e novembro e a finais dese mes pecharemos até abril ou maio. A Asociación Volta e Dalle e o Teatro das Cortes tamén estamos abertos a que nos acheguen propostas no ámbito cultural. A eiva cultural, a anomalía cultural é o motivo polo que traballa a Asociación, para normalizar a cultura, quero dicir que a oferta teatral e cultural da Mariña non consiste só en programar senón en crear hábito pois a cultura é un dereito. Había unha frase do Che Guevara: “ser cultos para ser libres”, pois esa é a filosofía dos que traballamos na Asociación.

ÚLTIMAS

O goberno local de Foz critica que o voceiro do PP “minta só para conseguir un titular”

A portavoz do goberno local socialista de Foz e concelleira de Facenda, Inés López...

A Deputación asume o financiamento da residencia de maiores de Ribadeo

Concello de Ribadeo e Deputación de Lugo asinaron este venres o convenio polo...

Cervo asume gran parte do incremento de prezos da residencia municipal

O Concello de Cervo comprométese a asumir gran parte do impacto que implica o...

Burela reforza recursos ante emerxencias cardíacas con novos desfibriladores

O Concello de Burela continúa reforzando os seus medios de resposta ante emerxencias cardíacas...