InicioCentralMondoñedoCeltia Rodríguez, arqueóloga: "O xacemento de Tigrás é un caso singular en...

Celtia Rodríguez, arqueóloga: “O xacemento de Tigrás é un caso singular en Galicia”

O xacemento de San Vicente de Tigrás, en Mondoñedo, está mostranto máis pistas da xente que vivía nel. Logo de encontrar restos que indicarían unha produción de ferramentas metálicas, aínda queda por encontrar os fornos onde se fundía o metal. Tamén apareceron restos de cerámica que poderian indicar unha elaboración propia ou de lugares da comarca, mais os estudos de laboratorio e comparativos serán os que dean luz a isto. Celtia Rodríguez, arqueóloga que participa nas excavacións, ofrécenos unha visión sobre os últimos traballos sobre o terreo.

Publicada o

- Advertisement -

-Pódese confirmar que no xacemento de Tigrás, en Mondoñedo, se creaban ferramentas de ferro?

Podemos confirmalo ao cento por cento malia que non encontramos os fornos mais si temos a escoura desa actividade, escouras de ferro. Ao mellor era unha pequena ferraría aínda que non estamos certos, debemos buscar eses fornos. Debo dicir que con cada campaña imos aprendendo cousas novas por iso agora seguiremos buscando os fornos e ferramentas asociadas a elas, por tanto, si elaboraban ferramentas propias para o seu uso cotiá.

-As pegadas que encontrastes permítenvos deducir como fundían o metal e como o trataban?

Non, non podemos dicilo agora mesmo. Nestes momentos só temos eses restos que debemos estudar ben, facer un traballo de laboratorio e logo vén o traballo de estudar paralelos, como era esta produción noutros lugares onde tamén se encontrou este tipo de produción metalúrxica. A partir da información sacada dos paralelos poderemos falar do tema.

-Falamos de ferro e carbón, materias primas para crear obxectos deste tipo. Sábese de lugares onde se extraían cada unha destas compoñentes, lugares cerca de Tigrás?

Sobre minaría podo dicir que existen topónimos relacionados e houbo descubrimentos recentes sobre minaría romana cerca. Agora tócanos ao equipo que traballa en Tigrás temas coma a minaría e a elaboración de ferramentas, porque non esperabamos encontrar elementos metálicos. Ademais, debemos estudar ben a cuestión dos topónimos como Escourido, unha aldea cerca de alí onde pode haber moitas escouras e se fabricaba algo. Con todo, agora mesmo, sobre este tema estamos nos pasos iniciais.

-Existe tamén a posibilidade de que os habitantes do xacemento crearan os seus propios elementos de cerámica?

Esa posibilidade é media-alta porque sabemos que hai un cambio na cerámica, unha reorganización do comercio, cousa que se vai sentindo no século V. Mais neste xacemento de Tigrás, que é un caso singular en Galicia, localizamos pezas de cerámica que indican comercio con Lugo mais hai outras detinadas á cociña que teñen moitos defectos. As observacións permiten distinguir a cerámica que vén de Lugo pola súa elaboración, é ceramica seriada, feita para venderse e logo se nas cociñas hai cerámica con defectos significa que a estás facendo ti para uso propio e non vendela. Iso pode ser unha mostra de que facían a súa cerámica mais nestes momentos non podemos dicilo con absoluta certeza. Por que? Pois porque aínda non encontramos restos de fabricación de cerámica ou fornos para cocela. Podemos dicir que os fornos estarían na contorna ou de maneira comarcal, non sabemos aínda, con todo, é moi cedo para dicilo. Primeiro debemos encontrar os fornos. Por outra parte, recollemos mostras de terra porque é moi boa para sacar barro, tamén recollemos arxila e todo isto vaise estudar. Farase en colaboración con especialistas para estudar se a composición deses barros poden ser bos ou malos para fabricar cerámica.

-Se se confirman as hipóteses actuais sobre o xacemento podería dicirse que era un lugar autosuficiente?

En parte si porque vemos unha sociedade que deixou unhas pegadas coas que vemos como eles mesmos fabricaban metal e outros obxectos. Tampouco fai falta mirar 1.500 anos atrás para ver como nas sociedades rurais de hai 50 anos tamén fabricaban as súas ferramentas. Tamén había contactos coas grandes vilas mais é certo que non dependían tanto da economía a grande escala, isto non quere decir ausencia de contactos mais si tiñan os medios e condicións para fornecerse eles mesmos. Iso demóstrao a antropolixía e a etnografía, pois non hai que moi atrás para como en zonas rurais a xente case sabía facer de todo.

-Falabas antes de relacións con Lugo, quere isto dicir que ao mellor as persoas deste xacemento procedían desa cidade ou cal era o sentido de manter esa relación coa mesma?

Lugo sempre foi un eixo fundamental no Noroeste. En época romana foi a grande cidade da Gallaecia xunto con Bracara, mais foi a que tiña maior recoñecemento. No caso deste xacemento, nunca saberemos se eran de Lugo, de Mondoñedo ou de onde. Si podemos aproximar que existía conexións e relacións con esta cidade por esa produción lucense que chega até Mondoñedo polas rutas comerciais. Porén, non é unha relación tan ampla como podería ser a de Viladonga no século IV senón que agora teñen outro tipo de cerámica, que están experimentando e facendo outro tipo de pastas que cambian totalmente. Si se pode confirmar o comercio con Lugo pola presenza de cerámica e materiais tardorromanos vinculados coa cidade do Miño, mais isto non quere dicir que as súas orixes fosen lucenses, iso non se pode saber. Si debemos ter claro que é xente do rural, que se instalou alí por encontraren unhas boas condicións para ser autosuficientes e manterse nun espazo que lles permitía a súa vida cotiá. Estamos a falar dunha sociedade rural e, probablemente, dunha aldea, das primeiras que emerxen tras o abandono dos castros sobre o século V. Posiblemente sexa un asentamento de entre o século V e VI, época na que xa se estudaron na Meseta estas aldeas de primeira xeración na Alta Idade Media.

ÚLTIMAS

Burela acolle cursos formativos para persoas estranxeiras e a preparación de probas oficiais

Burela acollerá dous cursos formativos dirixidos a persoas estranxeiras, organizados por Ecos do Sur....

ACISA integra hoxe os negocios da Praza de Abastos logo do acordo entre patronal local e Asociación de Praceiros

Acisa integra dende hoxe á Praza de Abastos de Ribadeo, tras a sinatura do...

O comité de empresa de Alcoa reclama unha reunión co Goberno ante a situación do sector do aluminio

O comité de empresa de Alcoa en San Cibrao, en Cervo, pide unha reunión...

Conferencia ‘A cova de San Xoán Vello: novas achegas desde a arqueoloxía’ en Viveiro

Mariña Patrimonio organiza para o vindeiro mércores 22 de abril, ás 20:00 horas, na...