-A día de hoxe fíxose algún traballo ou recopilación desta tradición de música oral na comarca?
Non sei mais creo que é unha comarca que nunca lle deu moito valor a ese nivel. Eu son moi fan do contexto histórico, social e musical da Mariña porque me parece das máis ricas de Galicia. O motivo é que se une unha vía de transmisión coa oralidade con Asturias e co Cantábrico. Logo ten toda a tradición de temas relacionados cos migrantes de ida e de volta e por último é unha comarca moi desenvolvida que sempre mirou ao mar e ás innovacións. A migración, por exemplo, trouxo novos pensamentos e novas historias ademais de traballar no mundo mariñeiro e agrario. Na disertación no Arco da Pomba e a través dunha clasificación de cantigas e xéneros musicais galegos desenvolvín as cancións que eu coñezo na Mariña relacionados cos bailes soltos, cos bailes agarrados, cos de labor, coas cancións narrativas, as infantís e todas as de tradición oral.
-E cal foi o resultado deste desenvolvemento?
Pois observar que afortunadamente temos case de todo en relación á cantiga olra como oficios tiñamos e como pensamento.
-Como se materializou esa tradición oral entre A Mariña e o Cantábrico?
Con músicos ambulantes dun lugar para outro, o violinista J. Varil cunha pandereteira asturiana que percorrían vilas pola costa cantando casa por casa. As relacións que se abrían entre mariñeiros vascos e mariñeiros de Foz e tamén cantares dunha banda e doutra do río Eo. Aquí, como na maioría de lugares onde houbo moita actividade económica tamén houbo música que representou dita actividade. Logo están esas xoias da arquitectura da Mariña que son os salóns de baile, espazos únicos construídos para bailar e que son xoias totalmente abandonadas por toda a comarca.
-E que implicación tiñan estes salóns de baile na comarca?
Pois nacía outro tipo de música, saían outro tipo de formacións e nacían as iniciativas das primeiras orquestinas que non teñen moito que ver cos de agora.
-Existen contextos sociais que sexan máis ricos en canto á creación de cantigas?
Non o sei con exactitude mais con toda a relación con América viñeron as habaneras de Cuba, os tangos de Arxentina, cumbias e todas tocadas por aquelas orquestinas que as recolleron e as adaptaron aos seus músicos e aos seus arranxos. Realmente o interese da Mariña é o crisol tan grande de músicas, aquí bailaban a “jota” máis tamén o tango.
-Todo ese crisol finalmente callou nalgún resultado co paso do tempo?
Aquí na Mariña o legado que temos non se considera para nada. Os grupos folclóricos cantan temas máis que coñecidos ou o que sae pola televisión, aquí ninguén canta as cancións dos seus avós. Isto débese á homoxeinización do folclore que se fai desde a TVG e outras canles. O interese polo comarcal, pola cultura comarcal, esta cultura é como o mercado xusto, sustentable ademais de ser a túa historia, a túa fala e a túa forma de ver as cousas. Non se lle deu para nada a atención dos cantares aquí, da mesma comarca nin fóra dela.
-É posible que se dean iniciativas para salvar este patrimonio?
Non sei quen vai ter a iniciativa. A algún concello lle interesa isto? O que son as comisións de festas tampouco están interesadas, en tal caso un grupo de gaiteiros tocando unhas alboradas que xa non existen. Ás comisións o que lles interesa é a asistencia de moita xente para un botellóns e traer orquestras de sona. Isto é un tema de responsabilidade cultural e social, para este tipo de iniciativas ten que haber cultura e respecto. Aquí tírase polo turismo barato e non hai proxectos turísticos feitos e pensados na historia e no contexto social. Tampouco hai xente preparada para este tipo de labores.
-Actualmente estás implicada nalgún novo proxecto ou nalgunha xira?
Si, estou na xira do disco Basal, viñemos hai pouco dun dos mellores festivais de world music en Portugal e seguirei cos concertos do último disco que ten como liña argumental o territorio.
