InicioCulturaMariña Gueimunde: "O Resurrection é parte de Viveiro"

Mariña Gueimunde: “O Resurrection é parte de Viveiro”

Unha nova edición do Resu, a XX. Aproveitamos para falar coa alcaldesa de Viveiro, Mariña Gueimunde, para falar de como se desenvolve esta vixésima edición, que novidades presenta na planificación e loxística do festival para o Concello e se hai sorpresas para a edición XXI

Publicada o

- Advertisement -

O Resurrection colocou a Viveiro no mapa dos grandes concertos de Europa, polo menos. De que maneira inflúe isto en Viveiro tanto social e culturalmente?

Sen dúbida podo dicir que o Resurrection é parte de Viveiro. O que é a nivel social é un punto de encontro para milleiros de persoas que cada ano volven a visitarnos e xera orgullo entre a veciñanza. Ademais, tamén promove valores como a convivencia, a tolerancia e a cultura alternativa. Culturalmente, Viveiro queda situado como un referente a nivel europeo dentro do mundo dos festivais da música metal e punk. Ao final o Resu puxo o noso concello no mapa dun público novo e diverso.

Como se foi adaptando Viveiro para acoller este festival: cambios na loxística, permisos para campings, tráfico etc?

Pois a evolución foi constante durante estes vinte anos. O Concello tivo que adaptarse a unha realidade que medraba edición tras edición e para iso temos que coordinar permisos especiais, habilitamos zonas de acampada, reforzamos os servizos públicos e traballamos en colaboración coa organización e coas forzas de seguridade. Cada edición é un exercicio de mellora e aprendizaxe colectiva.

Como se adapta a circulación local do tráfico diante dun evento desta magnitude?


Con moita planificación e coordinación. Establecemos rutas alternativas e zonas de estacionamento provisionais. É certo que se producen incomodidades, pero facemos un gran esforzo para minimizar o impacto no día a día dos veciños, aínda así, está claro que supón un reto para as persoas que vivimos en Viveiro todo o ano.

Calcularon cantas persoas puideron achegarse a esta edición?

Aínda estamos a pechar os datos oficiais, pero estimamos que arredor de 120.000 persoas pasaron por Viveiro durante a semana do festival. Isto supón unha ocupación total da vila e tamén dinamismo para toda A Mariña Lucense.

Cada ano vén un novo desafío. Cales foron os de 2025?

Sempre hai novos retos. Este ano, por exemplo, tivemos que reforzar os dispositivos de seguridade e xestión de residuos debido á afluencia esperada. Tamén traballamos na mellora da coordinación entre administracións.

Quizais sexa prematuro pero debo preguntar polo 2026, os mesmos sistemas de seguridade, auga, etc, deste ano servirán para o ano que vén?

Cada edición é diferente, unha nova sorpresa, pero o que aprendemos este ano servirá sen dúbida como base para o futuro. Queremos seguir mellorando en todos os aspectos posibles, sempre pensando no benestar da veciñanza e na calidade do evento.

Cal foi a súa impresión cando veu por primeira vez o Resu e cal foi a reacción ante a pegada que deixaba en Viveiro?

O Resurrection é un evento que transforma Viveiro. Durante uns días chega xente de todas partes do mundo, vémonos falando inglés, sueco e outros idiomas que non recoñecemos… Pero a realidade é que xa é unha parte importantísima da nosa identidade, da nosa economía e do turismo. Creo que a palabra é: impactante. Ver a nosa vila chea de vida, de música, de culturas diferentes convivindo en harmonía é unha experiencia única.

Económicamente que peso ten o Resu no concello e estarían dispostos a colaborar en iniciativas semellantes durante o resto do ano?

O impacto económico é moi significativo. O festival dinamiza tanto comercio, a hostalaría, os aloxamentos, os transportes… crea centos de empregos, directos e indirectos, impulsa o turismo e eleva Viveiro a nivel internacional.

Que diría do estilo de música que acolle o Resu?

É unha aposta firme pola diversidade cultural. O metal, o punk ou o hardcore teñen un público moi fiel, que vén a Viveiro con paixón e moitas ganas de disfrutar e pasalo ben.

Como ve o futuro deste festival?

Con optimismo. Mentres sigamos traballando unidos a administración, a organización, a veciñanza e os visitantes, o Resurrection seguirá medrando e consolidándose como un referente mundial. O noso desexo é que se celebre moitos anos máis en Viveiro, sempre coa mesma ilusión.

ÚLTIMAS

Ramiro Fernández: “Burela é un punto privilexiado para a observación ornitolóxica”

+ -Por que Burela decidiu apostar por novas vías turísticas na vila como, por exemplo,...

Trabada inicia as obras do circuíto pump track no seu complexo deportivo

O Concello de Trabada vén de iniciar esta semana as obras de construción dun...

O Concello de Foz anuncia aglomerado no vial das Torres esta semana

O alcalde de Foz, Fran Cajoto, explica que o novo vial das Torres vaise...

‘Os Bolechas no Ribadeo Indiano’ abre a participación dos máis pequenos nesta celebración

Os Bolechas no Ribadeo Indiano é o título do libro presentado esta tarde no...