-Como defines un “museo da identidade” e de que xeito nace unha idea así no sentido de quen ten a idea e como se perfilou a súa materialización?
A idea nace entre o 2005 e o 2009 cando fixen unha recollida etnográfica con fotos e imaxes por toda Galicia. Ese traballo derivou nunha exposición fotográfica no Parlamento Europeo, no Comité das Rexións. Logo fixen exposicións por Galicia en 2010 con esas fotografías. En 2020 fixen outra recollida de fotos por toda Galicia e fixen esa construción de visión e de acontecer da cultura galega. Ese traballo materializouse nun libro en 2023 e aí descubrín que este traballo tiña moito potencial para divulgalo e velo. Así foi como nace a idea de crear estes espazos e museos onde poder darlle extensión a esa recollida etnográfica e mostrala. Ademais, é unha visión contemporánea por iso vimos que os aconteceres a nivel de innovación e de actualidade nacen no rural. Vin que sería moi coherente mostrar estas imaxes no seu contexto. Desta maneira, aquí no Vicedo, con Pepe Penabade do ‘Teatro das Cortes’ e membro da Asociación Volta e Dalle, foi quen me propuxo de colocar isto ao aire libre nun prado da súa propiedade. Iso podería compatibilizalo co que xa facemos no ‘Teatro das Cortes’. Esa foi a maneira en que chegamos a esta mostra.
-Aínda así, cales dirías que son as raíces máis profundas do desexo de crear este museo?
Eu vira unha exposición de Ruth Matilda Anderson, hai moitos anos na Coruña. Aquel fora un traballo moi recoñecido e que a min me gustara moito, aínda hoxe é unha referencia para a cultura galega esa mostra de fotografías de 1924 a 1925. Con esa exposición no subconsciente, eu daquela percorría Galicia facendo traballos comerciais. Caín na conta que non había unha visión sobre a Galicia contemporánea e a súa cultura. Si había moitos traballos temáticos, profundos e sobre diversas temáticas, mais ao meu entender faltaba encher o baleiro dunha visión holística. É dicir, algo que represente con imaxes quen somos no presente. A motivación era basicamente esa, encher un baleiro que reflicta quen somos na actualidade.
-Sei que participaron entidades como Nordés, A Mariña Patrimonio ou Teatro das Cortes. Por que o interese destas asociacións en unirse ao proxecto e cal é a aportación de cada unha delas?
Por unha parte, o museo é unha colaboración co Teatro das Cortes e a Asociación Volta e Dalle, somos as dúas entidades as que levamos adiante o proxecto. Logo, Mariña Patrimonio, Nordés e as Xornadas Etnográficas da Mariña son entidades colaboradoras coas que faremos proxectos en común e apoiamos tamén noutras facetas. Concretando máis, todos estamos colaborando nun mesmo espazo e nunha mesma dirección: mostrar e valorizar a cultura galega. Por ese motivo somos afíns á defensa da cultura galega e debido a isto tiña sentido axudármonos e tamén a coñecérmonos porque algúns non sabiamos uns dos outros.
-Como definirías a cultura contemporánea galega?
O meu traballo está máis relacionado con mostrala máis que con definila. Para min é ver un potencial enorme de emancipación na identidade. A día de hoxe penso que, e así se pode ver nas imaxes, o gran valor de crecemento e de integridade está no identitario.
-Existen tres espazos: unha exposición permanente, unha temporal e outra dirixida a xente máis nova que será interactiva. En que consisten as exposicións?
A permanente é unha escolma de trinta imaxes do libro ‘Galicia Latente’. A atemporal, que está nun invernadoiro, está para dar conta de traballos e propostas temáticas e monográficas, iniciativas que dean conta da cultura galega contemporánea. A parte interactiva será unha busca de valores afastados no perímetro do prado onde propoñemos un xogo para que cos seus móbiles busquen un valores agochados nuns enlaces QR, aí darase conta de valores identitarios que entroncan coa súa condición de xente nova buscando a súa proxección laboral.
-Tamén tedes unha extensión pedagóxica, colaboraredes con centros educativos? Como será esta extensión?
Buscamos facer actividades pensando nesas idades onde a xente máis nova está deseñando ou encamiñando o seu porvir, buscan que lles gusta e pensamos que sería bo mostrarlles as referencias máis importantes do seu redor, da súa cultura e con iso transmitirlles referentes para teren unha visión máis integral para definir o seu porvir.
-“Turismo innovador”, que buscades con isto?
Aquí na Mariña digamos que gran parte do turismo está centrada no lecer, gastronomía e despois temos deporte. Mais nós queremos apostar por un turismo que quere coñecer as raíces e a profundidade do territorio que visitan.
-En total van ser catro Museos da Identidade, un por provincia. Este é o primeiro.
Si, de momento xa temos elixidos dous lugares. Un será en Fisterra e outro en Manzaneda. En Pontevedra estamos traballando dúas opcións mais estamos aínda sen decidir.
-Finalmente, todo este proxecto que significa para ti?
Supón un xeito de vida e ademais supón algo necesario, fundamental, clave porque calquera persoa debera facer unha recollida dos elementos clave do seu arredor e da súa dimensión persoal. Realmente, falo da dimensión persoal de cada quen.
