-Cales son as orixes deste ciclo Maraxes da Osa?
Nace ligado ao Festival Osa do Mar e con Maraxes quixemos manter a marca do festival, mais en realidade vai funcionar como un ciclo de concertos independentes aínda que vai levar esa vinculación co nome. Eliximos o nome de ‘maraxes’, que son as brisas mariñas suaves, para darlle esa visión de concertos de música suave en auditorios e o primeiro bloque serán todo rapazas cun estilo máis calmo, un estilo diferente ao festival. Inicialmente arrincaremos con estes catro concertos que comezaron este venres 11 de abril con Marilia Monzón, o 10 de maio será Mercedes Cañas, 14 de xuño Yarea e o 28 de xuño Caamaño&Ameixeiras, estas últimas xa participaron no Festival Osa do Mar. Todas elas son artistas emerxentes mais que en pouco ocuparán un posto importante no panorama musical. Esta é a aposta do ciclo Maraxes.
-Mais cal é a necesidade de crear o ciclo Maraxes da Osa?
A necesidade está en que chegue a cultura a Burela non chegue unicamente na última fin de semana de setembro no caso da Asociación Fanto Fantini. Queremos que haxa unha programación para gozar da música en directo durante todo o ano, música de calidade. O estilo de música elixido vai acorde co espazo que temos, mais miraremos que Maraxes se poida mostrar noutros lugares de Burela, lugares máis recollidos.
-Qué valores artísticos ofrecen as persoas que actuarán nos diferentes concertos?
Primeiro, a calidade vocal de todas as artistas pois sobresae por encima doutros aspectos, é algo impresionante. Logo todas elas son compositoras e por iso cantarán temas propios, algo moi importante tamén.
-Existe algún nexo máis alá de que sexan artistas musicais cuns estilos parecidos?
Non, neste caso coincide que son todas artistas femininas ademais de compositoras, a partir de aí non hai máis elementos comúns.
-Quen é Marilia Monzón e cal é o seu estilo?
É unha artista canaria que participou en Operación Triunfo. Ten moita personalidade na creación das súas letras e composicións. Fai música de raíz, de Canarias, e vén acompañada por Pablo Seijas, un músico xa recoñecido en Galicia, o seu irmán, Adrián Seijas, tamén actúa con María ás veces mais este venres non estivo. Ambos os dous actúan con Xoel López e outros músicos e bandas.
-Sobre as demais artistas que nos podes dicir?
Mercedes Cañas é unha artista moi nova e non leva unha rodaxe como as demais aínda que ten moita presenza en redes sociais, por tanto ten presenza entre o público máis novo. As súas composicións son moi atractivas, cunhas letras con moito seguemento polas persoas máis nova e ademais é moi versátil porque toca en diferentes espazos e cunha programación moi coidada e de moita calidade.
-Como vos apoia e axuda o Concello de Burela?
O Concello é principal patrocinador do ciclo facendo achegas moi importantes no que son algúns concertos como poden ser os gastos de son. É unha axuda moi importante para este primeiro Maraxes. Tamén contamos co apoio da Deputación de Lugo, de Vicepresidencia da Área de Mocidade.