InicioCulturaCarlos Pascual, neofalante: "Eu xa lía en galego a Manuel María ou...

Carlos Pascual, neofalante: “Eu xa lía en galego a Manuel María ou a Cunqueiro”

Carlos Pascual naceu e viviu en Madrid até o seu retiro. Fillo de nai galega "que nunca falou galego" pasaba os veráns en Santo Adrao (Lourenzá) onde lle foi collendo querencia ao lugar, á xente e á paisaxe. Finalmente decidiu volver de maneira definitiva e agora asiste ao curso de lingua galega impartido na Escola Marabillas, na parroquia de Arroxo, en Lourenzá, con aula presencial os sábados.

Publicada o

- Advertisement -

-Levas xa un tempo vivindo na Mariña, mais ti non vivías antes nesta comarca.

Non, eu son de Madrid aínda que a miña nai era de Lourenzá e por iso sempre tiven ese vínculo con este lugar, na parroquia de Santo Adrao.

-Esa foi entón a principal motivación para asentáreste aí?

Ben, a miña nai emigrara moi nova, con dezaoito anos, desde aquí. Iso foi o motivo de que eu pasara as vacións de verán na aldea. Sempre me sentín moi vinculado á este lugar porque me gustaban os animais, a agricultura e por iso tiña ese desexo de vir para aquí. Cando conseguín ter un bo traballo en Madrid, sempre xuntaba os días de libranza e por iso viña para aquí unha semana por mes. Cando me xubilei asenteime aquí definitivamente.

-Entón xa tiñas unha casa aí.

Os meus pais mercaron unha casa aquí, si, e logo eu comprei a parte dos meus irmáns para quedar nela.

-Desde que te instalaches, fas algún tipo de actividade en Lourenzá?

Son secretario da Asociación de Patrimonio Laurentino, estou no curso de galego e participo moito con Recuperación da Memoria Histórica.

-Cales foron as motivacións para facer o curso de galego?

O curso de galego comezou o 11 de xaneiro deste ano na Escola Marabillas, en Arroxo, e as motivacións son buscar unha maior integración no lugar, desenvolvemento lingüístico, poder comunicarme nesta fala que me gusta moito e integrarme neste lugar.

-Aínda así, como naceu dentro de ti a motivación para aprenderes o galego?

Eu lía en galego a Manuel María, tamén poetas da comarca como Cunqueiro e logo coñecín a Lionel Rexes con quen falei de organizar un curso de galego. Logo coñecín a Luis Olmo e a Bernardo Penabade e desde aí decidimos poñer o curso en marcha.

-Túa nai non che falaba en galego?

Miña nai non falaba galego.

-Que recursos usas para ir avanzando pola túa conta para ir avanzando no galego?

Leo e escribo de galego, participo en grupos de lectura en galego, fago o curso de galego, gravo as miñas conversas e logo, despois de escoitarme, corrixo os erros que teño.

-Interactúas coa túa veciñanza en galego?

Si, si, cos meus veciños falo en galego mais teño algunas fallas por iso me axudan un pouco.

-Que parte é a máis difícil para ti de aprender galego e se percibiches algo que che chamara a atención con respecto ao castelán?

O léxico, porque hai moitas palabras que non coñecía. Ás veces teño que preguntar polo seu significado. Á parte, pois algo que me gustou é a etimoloxía, por seren dúas linguas romances. Tamén me gusta moito a musicalidade desta lingua.

-No curso de galego, á parte das aulas, facedes outro tipo de interaccións entre os e as alumnas?

Facemos unha aula presencial os sábados, e os mércores facemos multiconferencia para falar e o profesor vainos dirixindo nas pautas para desenvolver a aprendizaxe.

-A parte máis difícil de aprender para ti?

As formas verbais, son o máis complicado de entender, aínda que o profesor ten un método que se entende rapidamente.

ÚLTIMAS

Antonio Villarino: “Medio Rural mostra falta de interese no sector da Faba de Lourenzá”

-Que dificultades está pasando agora mesmo a Faba de Lourenzá na súa produción? En 2024...

A UNED en Foz abre o período de matrícula para o segundo cuadrimestre

A Aula Universitaria da UNED en Foz anuncia a apertura do prazo de matrícula...

Mondoñedo lamenta o falecemento de Xosé Vizoso

O Concello de Mondoñedo emitiu este domingo unha nota de prensa onde lamenta o...

Cervo celebrará a Festa do Mexillón o sábado 22 de febreiro

O concello de Cervo celebrará o sábado 22 de febreiro a Festa do Mexillón,...