InicioCultura'Camiñantes e Camiños' realiza o Camiño do Mar durante 2025

‘Camiñantes e Camiños’ realiza o Camiño do Mar durante 2025

O presidente de Camiñantes e Camiños contou que “xa fixemos a primeira etapa entre Ribadeo e Barreiros. Toda a ruta do Camiño do Mar son 177 quilómetros entre Ribadeo e Neda e ímolo dividir en 10 etapas ao longo dos seis primeiros meses do ano 2025”

Publicada o

- Advertisement -

A asociación cultural de sendeirismo Camiñantes e Camiños de Barreiros realiza neste 2025 o Camiño de do Mar. Este sábado, 11 de xaneiro, os asistentes farán a etapa comprendida entre Barreiros e San Martiño, en Foz.

O presidente de Camiñantes e Camiños, José Manuel Gómez Puente, explica que “despois de facer todos os anos unha ruta a Santiago neste 2025 decidimos realizar a que máis nos identifica ás veciñas e aos veciños de Barreiros, pero tamén ás outras persoas que participan nestas andainas e que proceden de Ribadeo, de Foz, de Trabada, de moitos puntos da Mariña, decidimos facer o Camiño do Mar, aínda que non é oficial pensamos que en breve terá ese recoñecemento. E nós queremos así aportar o noso gran de area, porque lle temos unha grande estima a esta ruta”.

Gómez Puente dixo que “o noso concello é atravesado polo Camiño Norte, pero tamén por este Camiño do Mar. Este vindeiro sábado faremos a segunda etapa entre Reinante e San Martiño, en Foz. Sairemos ás nove da mañá das inmediacións da Yenka. Son 18 quilómetros, sen a penas altitude, é case toda plana a andaina. É unha ruta de dificultade baixa-media. Trátase dunha das etapas máis bonitas deste camiño”.

O presidente de Camiñantes e Camiños contou que “xa fixemos a primeira etapa entre Ribadeo e Barreiros. Toda a ruta do Camiño do Mar son 177 quilómetros entre Ribadeo e Neda e ímolo dividir en 10 etapas ao longo dos seis primeiros meses do ano 2025”.

José Manuel Gómez Puente anima a participar nestas andainas: “recoméndollo a todos os veciños de Barreiros e da Mariña a que nos acompañen nestas andainas. Somos 50 persoas, pero estamos abertos a recibir a máis peregrinos. Para descubrir estes paisaxes que temos na costa cantábrica, que son espectaculares. É unha forma de coñecer os pobos, as tradicións, a cultura destes lugares, imos descubrir a catedral máis antiga de España, que é a Basílica de San Martiño. Moitos xa a coñecemos, pero nesta visita ímola sentir cerca de nós, porque remataremos aí a segunda etapa. Outra etapa moi simbólica, xunto coa deste sábado, será a de San Andrés de Teixido”.

E engadiu: “convido a todo o mundo a facer este Camiño do Mar con nós. Haberá un ambiente de compañeirismo, de amizade e imos cultivar a convivencia entre as veciñas e os veciños desta comarca”.

As persoas interesadas en participar poden inscribirse no seguinte número de teléfono: 623 226 825. Aquelas persoas que fagan as 10 etapas do Camiño do Mar recibirán como agasallo unha camiseta e unha mochila. Desde a asociación Camiñantes e Camiños agradecen a colaboración da Xunta de Galicia.

ÚLTIMAS

Samuel Bouza: “Volveremos recorrer á Valedora se non se soluciona o ruído na zona vella”

-Por que nace esta nova Plataforma de Veciños e Veciñas de Viveiro? Foi unha idea...

Por Viveiro realiza contactos cos diferentes grupos locais para formar un goberno de concentración

Os independentes de Por Viveiro, reuníronse para dar conta dos contactos cos diferentes grupos...

Ribadeo centrará a súa axenda de actos nos Días de Rosalía o 8M

Teatro, danza, musicais e actividades para celebrar os Días de Rosalía e o 8M...

Viveiro será de novo protagonista en FITUR polo seu patrimonio natural e histórica

O Concello de Viveiro estará presente en FITUR co fin de promocionar e dar...