-Que motivación viches en realizar un traballo arredor dos apelidos, a súa cuantificación e o traballo que desenvolviches despois?
A miña tese formouse a través dunha rede de investigación financiada pola Consellería de Cultura, Educación, Universidades e FP, e que estaba liderada polo Instituto da Lingua Galega e que contaba con varios grupos de investigación, entre eles aquel do que formo parte Grupo de Modelos de optimización, decisión, estatística e aplicacións. Tamén estaban presentes grupos de computación do CITIUS, grupos de Lingüística e computación da Uvigo. O obxecto do estudo era buscar puntos de unión entre as diferentes áreas lingüísiticas. O ILG propoñía cuestións relacionadas coa lingua galega e a partir de aí, os diferentes grupos debiamos resolver coas nosas metodoloxías. Unha desas cuestións era investigar a relación dos apelidos coas diferentes áreas dialectais do galego. A partir de aí, unha compañeira do grupo de investigación, a profesora Rosa Crujeiras, propuxo que ese podería ser un tema de tese no ámbito da estatística e investigación operativa. O certo é que o tema comezou a gustarme porque sempre tiven curiosidade polos apelidos e os nomes de lugar. Así comecei con este traballo.
-Por que sentías esa atracción cara os apelidos e a súa investigación?
Chamábanme a atención aqueles apelidos curiosos, aqueles relacionados con outras palabras; por outra parte, os apelidos tamén son palabras; mais fixábame en nomes de lugares ou de ríos, entón quería saber o que significaba, por que lle dan ese nome. Desde as matemáticas é difícil que ti saibas de onde veñen os nomes, salvo elementos que poidan deducirse facilmente.
-Cal foi o método de estudo que seguiches? Había estudos previos parecidos ao teu?
A idea era averiguar se as persoas e os seus apelidos estamos agrupados en clústeres. É dicir, se hai concellos que se parecen moito entre si e se ao mesmo tempo son moi diferentes ao resto de concellos. Ao final, queriamos ter un mapa con eses agrupamentos e á súa vez comparar ese mapa co das variedades dialectais da lingua galega. Inicialmente non había similitudes entre eses dous mapas. Non fomos de ver unha interpretación doada a aquel resultado. Como traballabamos con lingüistas e historiadores, estes consideraron a posibilidade de que isto podería estar relacionado co forte proceso de urbanización en Galicia, cousa que nós tamén sabiamos. Entón traballamos cos datos de persoas nacidas antes de 1965, antes do proceso de urbanización. Así volvemos aplicar a nosa metodoloxía e de aí sacamos un novo mapa. Os historiadores e lingüistas sacaron a conclusión que o novo mapa coincidía coa distribución das dióceses galegas. Nese sentido, quedamos satisfeitas por haber unha explicación desde o punto de vista histórico mais o resultado non tiña semellanza coa distribución das variedades lingüísticas. Fixemos unha comparativa co mapa lingüístico de Asturias e vimos que os apelidos si correspondían coas variedades dialectais, tamén fixemos o mesmo coa área de fala catalá e o resultado foi o mesmo.
Había estudos previos parecidos ao teu?
Si, había outros estudos da xenética e da lingüística que teñen resultados parecidos usando medidas onomásticas para comparar diferentes rexións, concellos e outras distribucións territoriais. Algúns autores chegan a ese paralelismo do agrupamento de apelidos e variedades dialectais e outros non, como nos pasou a nós. Isto non quere dicir que non haxa relación, simplemente é que no mapa non se ven mais empregando os métodos estatísticos que usamos, observamos relacións desde o punto de vista estatístico mais que non se observa nun mapa.
-O comportamento dos apelidos e a non correpondencia na súa totalidade coas zonas lingüísticas, deberíase á distribución eclesiástica en dióceses?
Sospeito que este comportamento está máis relacionado coa orografía, nalgunhas zonas de Galicia é moi complexa, pensemos en Ourense ou nas áreas de montaña de Lugo, mesmo as dióceses parecen corresponder a esa dificultade orográfica. Por iso, parece ser que algúns apelidos son moi concretos dunha zona. Así, nalgúns lugares se che preguntan de que casa es, se tes un apelido moi específico é moi probable que te identifiquen rapidamente.
-Tamén o teu traballo serviu para concretar “rexións de apelidos”. Como se definen estas rexións?
Está relacionado co que dicía antes, buscar eses agrupamentos. Existen unhas medidas onomásticas para comparar dous concellos, por exemplo, é dicir, escoller aqueles apelidos que coinciden simultaneamente en dous concellos pola súa frecuencia. A raíz diso construímos unha matriz de distancias e aplicamos técnicas de análise multivariante para buscar os agrupamentos. Esta ferramenta busca concellos en función desas distancias que calculamos previamente e que se parezan máis. A raíz diso tamén aparecen outros concellos que son veciños.
-Encontrasches ese tipo de agrupamentos na comarca da Mariña?
Baseándome no que dixen sobre a distribución coincidente coas dióceses, os apelidos da Mariña van no mesmo grupo da súa diócese, aínda que realmente é máis complexo.