-En que consiste este traballo fin de máster sobre o Modelo Burela?
É un traballo para finalizar o mestrado de Educación e Formación Porfesional e Ensino Secundario e este mestrado interesábame para ter formación no ámbito educativo. O Modelo Burela parecíame un tema interesantísimo e a pesar diso, é descoñecido mesmo para persoas da propia Burela e na mesma comarca da Mariña. Por iso insisto que é un tema moi interesante a nivel galego, estatal e mesmo internacional. Para levalo adiante fixen 200 entrevistas a persoas en diversas situacións: do rural, de cidade, xente das idades e todos os lugares de Galicia para comparalas con entrevistas co alumnado do IES Perdouro. Hai que ter en conta que o IES Perdouro está nun lugar como é Burela, cunha densidade de poboación moi elevada, é unha vila “aluvión” onde conviven diferentes procedencias e nacionalidades. O meu obxectivo é que non quede nun TFM senón un traballo que estude en profundidade o Modelo Burela. Teño que dicir que o traballo feito por todo o profesorado do IES Perdouro é espectácular, mais o TFM só toca o mundo da diversidade lingüística e como fai o Modelo Burela para lanzar o galego como lingua vehícular, tendo en conta a diversidade que convive nesta vila. Tamén se explora a convivencia das linguas estranxeiras e como inflúe na vida do centro educativo e os datos son moi positivos.
-Dentro da túa investigación encontraches outros modelos parecidos?
O modelo Burela é amplísimo que recolle diferentes aspectos da vida cotiá. Certo é que hai modelos similares, tamén é certo que ningún modelo é igual ao de Burela porque a situación lingüística do IES Perdouro é diferente á dun instituto como foi o meu, o de Alfoz-Valadouro, que é máis pequeno e non sei se ten os mesmos resultados.
-A túa titora a Ana Martínez Insua, que tamén é da Mariña. Coñecía o Modelo Burela?
A miña titora ten familia en Celeiro e non coñecía o Modelo. Creo que vendo os datos da enquisa e os datos do traballo o problema radica en que é pouco coñecido. Xa se falaba na necesidade de dalo a coñecer en universidades ou mestrados de educación e en moitos lugares onde podería servir de referencia educativa.
-Cal cres que é o motivo do descoñecemento do Modelo Burela?
É complicado darse a coñecer, creo, non hai un motivo en si. Na enquisa podía verse como parte do alumnado non estaba seguro de se participara ou non no Modelo. Creo que é complicado dar a coñecer este tipo de modelos fóra do seu ámbito. É importante que se dean a coñecer desde as universidades e poden servir de exemplo para outros centros e para moitos outros traballos.
-Como foi o teu labor de recollida de datos?
Isto non se podería facer sen as persoas que responderon á enquisa. Estouche falando de trinta e moitos alumnos do IES Perdouro e duascentas unha persoas de toda Galicia e de diferentes contextos. Digo isto porque para ter unha visión concreta de se o Modelo Burela estaba a funcionar facía falta un estudo profundo e cun conxunto de xente diversa. Foi difícil mais recibín moito cariño das persoas que responderon á enquisa.
-Haberá unha continuidade deste traballo?
A min gustaríame facer algo máis, non sei se en breve ou a longo prazo. Quixera levalo a congresos porque que creo que é importante mostrar o traballo do IES Perdouro. E insisto, é un exemplo para outros centros e tamén para máis traballos de investigación. Debo dicir que xa existían outros traballos sobre o mesmo tema, mais tamén axuda a chegada de novos traballos. Só destacaría dous aspectos negativos do traballo que fixen: o descoñecemento que hai do Modelo Burela e o feito de que o alumnado do IES Perdouro non dean tanta importancia a aprender linguas estranxeiras. Isto último xa depende de como o interpretemos. Pode ser por falta de interese mais eu creo que é porque están tan inmersos en linguas estranxeiras e variedades fan que non sexan consciente da variedade entre a que viven.
