InicioCulturaTsunami de 'metal' na Mariña co Resurrection Fest para a vindeira semana

Tsunami de ‘metal’ na Mariña co Resurrection Fest para a vindeira semana

O "Resu" vai bater contra a costa Mariñá a semana que vén desde o mércores até o sábado coas mellores bandas e voces do metal, thrash, hardcore, punk e todos os estilos nacidos do hardrock. Así, desde Megadeth, Alice Cooper, Biohazard ou Accept até as bandas máis recentes deixarán unha fonda pegada en Viveiro e a súa área. Cifras espectaculares de asistencia, de empregos directos e indirectos e seguir gravando o nome da vila e da comarca no mundo 'metal' son as grandes virtudes desta cita internacional que xa ten peso propio entre os grandes festivais.

Publicada o

- Advertisement -

A decimonovena edición do Resurrection Fest, o festival de metal, rock, punk e hardcore máis grande de España, congregará entre o mércores e o sábado a máis de 120.000 persoas no municipio de Viveiro e deixará unhas cifras de ocupación turística que rozarán o cheo absoluto en toda a comarca da Mariña.

O festival, consolidado xa como referente internacional da escena desde hai anos, terá tamén un importante impacto no emprego a escala provincial xa que xerará, de acordo ás proxeccións estimadas polos seus organizadores, máis de “1.000 postos de traballo directos e máis de 6.000 indirectos” na zona.

Serán case un centenar –concretamente 97– o número de bandas que se subirán entre os días 26 e 29 de xuño a algún dos catro escenarios dispostos no recinto –Main Stage, Ritual Stage, Chaos Stage e Desert Stage– que volverá instalarse, como vén sendo habitual nos últimos anos, nas inmediacións do porto da localidade de Celeiro, pertencente ao municipio de Viveiro.

Con máis de 120.000 abonos xa vendidos para os catro días de festival e algunhas entradas aínda dispoñibles na web oficial do evento, o Resurrection Fest Estrella Galicia 2024, que conta coa colaboración do Concello de Viveiro, a Deputación de Lugo e a Xunta de Galicia, entre outros patrocinadores e sponsors, volverá presentar un cartel de luxo encabezado por auténticos pesos pesados da escena internacional como Alice Cooper, The Offspring, Avenged Sevenfold, Bring Me The Horizon, Megadeth ou Bruce Dickinson.

IMPACTO “EN TODA A COMARCA”

Reservar unha habitación de hotel, un apartamento ou unha praza de cámping en calquera das tres zonas principais que concentran o groso da ocupación na área de Viveiro –a praia de Area, onde se sitúa o ‘Resucamp’; a praia de Covas, na capital municipal; ou a localidade de Celeiro, onde está instalado o recinto-– é unha tarefa practicamente imposible.

Tan só o Hotel Thalasso Cantábrico conta con dispoñibilidade para os primeiros días do macroevento con cuartos dobres que roldan os 200 euros por noite. O resto, hai semanas ou mesmo meses que colgaron o cartel de esgotado. “Está todo completo, todo esgotado desde hai bastante tempo”, indican desde o Hotel As Areas, situado na zona de Covas. “Estamos ao 100% todos os días do Resu. Isto énchese sempre, todos os anos”, confirma, pola súa banda, a encargada de reservas do Hotel Ego, en Area.

En lugares como Celeiro, epicentro do festival, os aloxamentos están reservados a semana do Resurrection Fest de maneira permanente. “Non temos cuartos dispoñibles. Está todo ocupado porque temos os mesmos clientes todos os anos. Reservámoslles os cuartos dun ano para outro”, explica unha das encargadas do Hotel O Millón, en Celeiro.

No resto da comarca, A Mariña lucense, que recibe unha afluencia de visitantes durante os días do festival que supera con fartura o volume total da súa poboación –uns 80.000 habitantes– a situación non é moi diferente.

Desde Ribadeo, no extremo oriental do litoral mariñán, até O Vicedo, na fronteira xa coa provincia da Coruña, é dicir, nun radio de máis de 100 quilómetros, a ocupación hostaleira supera xa, en termos xerais, o 90%.

“O impacto non se nota só en Viveiro, nótase en toda a comarca. A xente tense que desprazar a durmir fóra da Mariña porque colgan o cartel de completo en toda a zona, tamén en Foz. Non sei se aquí estamos xa co 100% pero por encima do 90% si que estamos. E os pisos turísticos tamén teñen unha ocupación altísima”, explica, en declaracións a Europa Press e en relación á pegada que deixa o festival en municipios próximos a Viveiro, o alcalde de Foz, o socialista Francisco Cajoto.

E é que ao público fiel que ano tras ano e desde hai xa 18 veráns visita Viveiro por conta propia para gozar das mellores propostas nacionais e internacionais de rock, metal e hardcore, hai que sumar as viaxes organizadas que, desde hai algunhas edicións, ofrece a produción do propio Resurrection Fest, coa posibilidade de contratar aloxamento e traslado e con puntos de recollida habilitados en 23 cidades españolas.

CLÁSICOS E NOVIDADES

Desde a posta á venda dos primeiros abonos do festival, o 24 de outubro do pasado ano, antes mesmo de desvelar os integrantes do cartel e esgotados en menos dun día, o Resurrection Fest 2024 foi tomando forma co transcurso dos meses ata completar o seu amplísimo catálogo final.

Un cartel de catro días encabezado nesta ocasión por auténticas lendas do heavy metal como o inoxidable Alice Cooper (76 anos), que pechará a xornada inaugural do mércores; consolidados expoñentes do rock alternativo como Bring Me The Horizon, prato forte do Main Stage o xoves; descargas de skate punk en estado puro da man de The Offspring, que regresarán a Viveiro o venres; ou a agardada estrea no Resurrection dos californianos Avenged Sevenfold, que actuarán o sábado.

Pero non son estes os únicos nomes propios dun cartel que manterá ata última hora o suspense en relación á actuación do ‘Secret Show’. O trash metal de Megadeth; o debut en Viveiro de Machine Head ou a despedida dos escenarios de SUM 41; así como as presentacións de Kerry King (ex guitarrista de Slayer) ou de Bruce Dickinson (vocalista de Iron Maiden); darán lustre á decimonovena edición do ‘Resu’.

Unha edición número 19 que esgotou xa os tickets para os dous espazos de acampada oficial de pago –o ‘Resucamp’, situado en Area; e o ‘Glamping’, a opción máis próxima ao recinto– pero que contará este ano cunha cuarta zona de descanso gratuíta, habilitada no Estadio Municipal Marcos Gómez de Viveiro, que se sumará ao tres xa existentes en edicións anteriores situadas no Parque Pernas Peón, o monte de San Roque e a praia de Esteiro, esta última no municipio de Xove.

Os abonos ‘Pandemonium’, os pases VIP do Resurrection Fest Estrella Galicia 2024, que permiten o acceso como público a toda a área do festival incluíndo unha zona exclusiva cunha plataforma en altura para gozar dos concertos, baños e barras propias e outras vantaxes adicionais, foron vendidos na súa totalidade.

Esta semana Viveiro volverá converterse, durante catro días e por decimonovena vez, na edición previa ao seu 20 aniversario, nunha das capitais mundiais do rock, o punk, o metal e o hardcore.

ÚLTIMAS

Manuel Arango: “O Certame de Teatro naceu do gusto que había en Lourenzá pola escena”

-Cal foi a raíz deste Certame de Teatro Amador en Lourenzá? Porque aquí en Lourenzá...

Javier Veiga: “Creamos esta rapa para dinamizar o lugar e que a xente se anive a vir”

-Por que se creou esta Rapa das Bestas de Neipín, na Pontenova, sendo esta...

Comeza o Ribadeo Indiano 2024 para esta fin de semana

Ribadeo vibra xa co Indiano 2024. A cor branca tingue xa as rúas e...

Foz celebrará este sábado as actuacións de Mallou e Habelas Hainas

sábado, día 13 de xullo, ás 22.30 horas na praza Rosalía de Castro...