-Cal é o significado que garda para vostede ser nomeado Cunqueiriano de Honra?
Unha grande satisfacción porque desde a miña adolescencia descubrín a obra de Álvaro Cunqueiro, sempre me interesou tanto o poeta como o prosista, e comecei a escribir sobre el moi axiña. Por tanto, son moitos lustros, moitas décadas mesmo, escribindo sobre a súa vida e particularmente sobre a súa obra. Pobablemente levo corenta anos traballando sobre a obra de Cunqueiro como tamén na de moitos outros autores galegos e foráneos mais, desde logo, nunca esquecín a obra magnífica de Álvaro Cunqueiro. Así pois, este recoñecemento para min ten a importancia de recordarme que levo moitos anos con moitos escritos traballando sobre estes autores. Tamén o fixen con outros labores como guións de televisión para a TVG sobre Cunqueiro e ademais teño participado nun documental sobre Cunqueiro para Televisión Española.
-De todas as lecturas de Cunqueiro, cal foi aquela que lle deixou máis pegada?
O que máis me impresionou na adolescencia foi “Fauna máxica galega”, que aparece en Escola de menciñeiros. Nese capítulo puiden ver como Cunqueiro tiña unha imaxinación desbordante creando uns seres imaxinarios increíbles. Tamén puiden ler como sabía narrar as características destes animais imaxinarios cunha maneira moi galega de contar. O que me sorprendeu foi como era capaz de utilizar técnicas da oralidade popular galega para describir seres inexistentes comparables aos que o seu mestre, Jorge Luís Borges, inclúe no Manual de zoología fantástica que despois se convertiu en El Libro de los Seres Imaginarios.
-Despois de tanto tempo estudando a figura de Cunqueiro puido descubrir de onde lle viña esa fertilidade imaxinativa para escribir?
Probablemente do feito de que el era un grande soñador, un grande inconformista coa realidade circundante. El imaxinaba utopías, mundos, realidades e persoas que non existían mais poderían ou deberían existir. Creo que iso estimulou a súa creatividade até o punto de darnos tantos contos, tantas novelas e grazas a unha imaxinación amplísima.
-Que queda por descubrir de Álvaro Cunqueiro que se debera mostrar?
Sempre quedan cousas por coñecer dos grandes escritores. Por exemplo, constantemente estamos descubrindo series de artigos dos centos e centos que escribiu en publicacións esquecidas ou pouco divulgadas e que nos permiten reencontrarnos outra vez coa maxia da palabra de Cunqueiro e de maneira inesperada. Isto fala do moito que queda por investigar e por tanto Cunqueiro aínda nos vai dar moitas máis alegrías. Desde o punto de vista divulgativo tamén se poderían facer traballos como filmes, series de TV, como xa se fixo algunha, aínda que desde logo se poderían facer moitas máis e isto contribuiría á súa difusión a unha escala maior.
-Que puntos ou nexos unen dalgunha maneira a súa propia obra coa de Cunqueiro?
Cando un investigador e autor estuda a outro, normalmente non se deixa influír por el porque o coñece tan ben que se descubre algún trazo na súa obra deses outros autores xa elimina eses trazos. O autor busca crear algo orixinal e non unha obra de continuidade ou seguemento excesivo admirado. Considero que aos autores hai que admiralos mais non copialos. Cunqueiro axudoume a descubrir moitas cousas e sobre todo no terreo que eu máis cultivo, o da poesía, gustoume moito a súa conexión coas vangardas que realiza sobre todo na súa mocidade porque é unha conexión que eu tamén experimentei moito na miña obra.
-Vostede escribiu unha tese: A literatura galega en Galicia durante a Guerra Civil. Dentro deste estudo académico figuraba tamén Álvaro Cunqueiro?
Moi pouco, pois no momento en que estala a Guerra Civil como Cunqueiro está en Galicia ve imposible escribir en galego. Desde ese momento e durante os tres anos de guerra e anos posteriores, o uso do galego por parte de Cunqueiro será mínimo por imposición histórica. A literatura en galego durante o conflito armado escribirase fóra de Galicia, no exilio ou na zona republicana. Nesta última escribían autores como Castelao ou Dieste que podían facelo en galego e logo outros fixérono no exilio en América ou Europa. Cunqueiro tardou moito en retomar o galego porque lle tocou permanecer en Galicia durante a guerra.
-Sabe como sobreviviu Cunqueiro ao período da Guerra Civil?
Nese momento todo o mundo se adaptou como puido ás circunstancias tan terribles que aconteceron. Había perigo para as liberdades e máis para as vidas das persoas, algo que lle pasou a compañeiros de Cunqueiro dentro do galeguismo, moitos amigos e compañeiros del foron executados. Por tanto, adoptou unha posición favorable ao réxime establecido, pois desa maneira evitaba os problemas que tiveron outros escritores. Aliñouse co bando vencedor e escribiu a favor del e vinculouse ás súas organizacións políticas e culturais.
-O seu traballo máis amplo está na poesía, existen diferenzas reseñables entre as novas xeracións de poetas e as xeracións como a de Cunqueiro ou as de hai tres ou catro décadas?
Non vexo moitas diferenzas profundas. Hai uns contextos diferentes e unhas experiencias da vida diferentes mais moitas veces se expresan máis ben dunha maneira procedimentalmente distintas aínda que non esencialmente distintas. A fin de contas a poesía existe no ser humano desde hai milenios e seguimos lendo eses autores de hai milenios e seguimos escribindo e lendo influídos por Homero ou Safo de Lesbos, que seguen dicindo moito para nós. Iso quere dicir que hai algo no ser humano, como unha raíz, que se mantén durante os séculos e dos milenios e iso permítenos ler e entender os clásicos da Antigüidade, da Idade Media, os da modernidade e os autores de agora. Iso pasa tamén na poesía galega, pois lendo autores como Rosalía de Castro, Manuel Antonio ou o mesmo Cunqueiro, síntome máis próximo a eles que lendo a outros máis contemporáneos.
-A pesar da grande creación en galego, por que a lingua recúa tanto?
Hai unha inercia que é moi difícil de parar, por así dicilo, porque os procesos lingüísticos non son dun día para o outro, non son nin sequera causados por acontecementos históricos moi determinados, son máis sociolóxicos, son verdadeiramente sociolingüísticos como dicimos e acontecen en forma de longa duración. Aínda que usemos paliativos inmediatos para mellorar situacións é moi difícil que estes paliativos teñan efectos inmediatos e tardan moito en romper ese tipo de inercias. Naturalmente, é posible facelo, algúns países lograron facelo mais outros non nin sequera coa independencia, poñamos por caso Irlanda que non foi capaz de normalizar o gaélico irlandés en detrimento do inglés porque foi imposible combater esa deriva. No caso galego sucede iso mesmo máis outros condicionantes de tipo diglósico e político que son obvios e dificultan aínda máis a normalización absoluta da lingua galega.
