-Estás presentando o libro ‘Galicia Latente’, un libro de fotografías para o que percorriches máis de cen concellos.
Efectivamente e en total foron 142 concellos. A idea detrás deste traballo era transmitir unha imaxe global da Galicia do presente, toda a dimensión social, económica e cultural do país, resumíndoa neste libro.
-A elección deses concellos foi aleatoria ou tiñas claro que necesitabas ir a eses lugares en concreto?
As imaxes son referentes previamente seleccionados. Esta selección segue unha estrutura en base ao asesoramento antropolóxico de Rafael Quintía, quen tamén fai o prólogo no libro, así, en base a esas ideas, a esa identificación de elementos representativos da cultura galega, o que fixen foi ubicalos e definilos.
-Cales serían aqueles elementos máis relevantes en ‘Galicia Latente’?
Un deles pode ser a morte, mais a morte como preparación, como camiño. Por exemplo, as imaxes dos cadaleitos en Santa Marta de Ribarteme, no Concello das Neves, tamén hai outra que me emociona moito e ademais é moi representativa da nosa cultura, mesmo no presente, e son unhas esquelas en folios grampados nun poste de madeira dos que levan o subministro de luz. Esa fotografía transmite esa idea da necesidade dalgúns de ser lembrados pola veciñanza, nas conciencias da comunidade. Un tema importante é a arqueoloxía coa imaxe do dolmen de Combarro como unha primeira mostra de identidade cultural. Logo hai dous temas moi notables, un é a sustentabilidade, a natureza, o clima como creador de riqueza e diversidade e de diferentes agrupacións sociais. Logo está o papel da muller, coa aparición de moitas iniciativas de vangarda da man de mulleres.
-Como por exemplo?
Helena Ferro, tamén está a recitadora poética Nuria Vil, logo está un grande referente como é a cociñeira Lucía Freitas, quen tamén pertence á Asociación Amas da Terra, pois a través desta asociación fai un labor social importante, son as que fornecen con produto local o seu traballo e paralelamente isto serve para tecer unha rede de asociacionismo entre elas. Despois, na Mariña está en marcha o proxecto “Alimenta” que reúne concellos galegos e asturianos xunto coa USC e as escolas da Mariña. É un intento de economía circular e un proxecto social que será interesante ver como irá desenvolvéndose.
-Que textura lle engadiches ás fotos para transmitiren a mensaxe que buscabas?
Todas as imaxes son en cor porque a min me gusta reflectir todas esas identidades. Cando, por exemplo, retrato unha persoa tamén me interesa ver a súa cohesión co territorio, e tamén o clima dese lugar, a súa vexetación e por tanto é fundamental transmitir esas cuestións arredor dos elementos e das persoas a fotografar.
-Presentaches o teu traballo na aldea de Vilar, en Folgoso do Courel. Cal foi o motivo?
O libro está composto por 218 imaxes, a min gústame máis chamarlles realidades. A imaxe desta zona de Galicia que ardeu e o dramatismo de ver como arde unha aldea e como as persoas deben fuxir das súas casas hai ano e medio. Creo tamén, ao noso pesar, que é un latexo aí presente, unha realidade moi impactante e ademais, buscaba algo como que o libro trascendese os seus destinos naturais que son as librarías e outros espazos culturais. Por iso quería facer esa aproximación ao territorio e á súa importancia, e sobre todo, visibilizar esas realidades tan próximas a nós.
-Pensabas nalgún público en concreto ou querías chegar a todas as miradas cando recollías esas realidades para o teu libro?
Agora mesmo venme unha imaxe das redeiras de Cangas o día que fun facer as fotos. Explicándolles cal era o motivo do libro e das fotografías, unha delas púxose de pé, mirou para min e dixo: “nós tamén somos cultura”. Foi como reclamar o seu espazo, como se estivesen fartas de seren excluídas da cultura. Iso gustoume moito pois era unha das miñas ilusións: poder introducir dentro do concepto cultura as diferentes agrupacións sociais.
-Da pre-venda do libro, un 5% do recadado irá para a campaña “Ti podes paralos”. Por que esa porcentaxe para esa campaña e cal é a motivación para facelo?
Falamos dunha realidade moi presente na actualidade. Desde a visión antropolóxica un dos aspectos máis determinantes da cultura galega é o territorio, un dos elementos máis definidores e creadores de cultura. De feito o libro está estruturado por capítulos e o primeiro é o territorio. En relación con isto último, unha das cuestións sobre a mesa e que se está cuestionando moito son as actuacións sobre o territorio. Coa doazón búscase reflexionar sobre ditas actuacións como unha das grandes interrogantes.
-Cres que con este traballo xente tanto de dentro como de fóra de Galicia recoñecerá as distintas realidades que hai nela?
Si que recoñecerá e moitas delas vainas coñecer con asombro. Depois de tres anos recollendo as imaxes, máis dunha vez quedei sorprendido e dicir: “como é posible que non soubese destas iniciativas”. Por iso digo que nos recoñeceremos nas imaxes e por outra parte crearanos interrogantes sobre o nivel de coñecemento que temos do noso arredor.
-Ti es fotógrafo, percorriches Galicia coa túa cámara, mais hai moita xente que non percorreu nin a metade do país e outra que tampouco o fixo mais coñece lugares de fóra. Que pode impedirnos ou frearnos para querer coñecer o país?
Creo que a falta de oportunidades. Outro dos referentes deste libro é o sociólogo Richard Barret que estudou os valores humanos e os niveis de autonomía e independencia das persoas. Barret fala de dous grandes grupos: a vida da supervivencia (casa, familia e a autestima). Cando completamos eses tres puntos, podemos abrirnos ao mundo para darnos conta da complexidade que temos arredor. Entón, considero que un dos elementos que non permite o coñecemento máis amplo do país é o estado de supervivencia en que vive boa parte da poboación. Se tivesen tempo de analizar, entender e comprender a súa propia realidade, seguro que o farían. Non me parece unha cuestión de vontade senón que moitas veces a situación persoal non nos permite ir máis alá, estamos cubrindo as nosas necesidades máis básicas. A min custoume moito poder chegar ao momento en que podía profundizar nesta cuestión.