A primeira etapa da decimosegunda edición da Marcha Ciclista Unificada, organizada pola entidade Special Olympics e dirixida a persoas con e sen discapacidade, transitará o próximo 3 de outubro polos municipios mariñáns de Cervo e Burela nunha nova aposta pola inclusión social a través do deporte.
O percorrido da proba, que se divide en catro etapas que se desenvolverán nas catro provincias galegas –con escalas en Santiago de Compostela (A Coruña), O Carballiño (Ourense) e Vilagarcía de Arousa (Pontevedra) tras o seu arranque na comarca da Mariña– busca promover a práctica de actividades deportivas entre as persoas con diversidade funcional ou intelectual.
O tramo que discorrerá pola comarca mariñá, sinalou este xoves a alcaldesa de Burela, Carmela López, no acto de presentación da proba, será “de algo máis de 20 quilómetros” e servirá para “fomentar”, subliñou, “valores como a solidariedade, a igualdade de oportunidades ou a plena integración de todas as persoas na sociedade”.
A tamén deputada provincial de Economía, Recadación, Facenda e Especial de Contas agradeceu durante a presentación da primeira etapa da Marcha Ciclista Unificada, celebrada no salón de plenos da casa consistorial de Burela, o incansable traballo de Special Olympics –a quen a Deputación fixo chegar unha achega económica de 8.000 euros– na “promoción de persoas con discapacidade na provincia”.