“O Goberno de Sánchez continúa sen dar data para as obras de reparación e rehabilitación no cuartel da Garda Civil no Valadouro”, segundo manifesta o senador mariñán José Manuel Balseiro, despois de obter resposta a varias preguntas formuladas ao Goberno de España polos representantes lucenses na Cámara Alta a petición do alcalde do municipio, José Manuel Lamela.
“O Goberno de Sánchez recoñece que prevé un investimento de 190.000€ para a reparación do patio interior e a adecuación dos accesos aos edificios do cuartel de Ferreira, pero pedimos datas e non aclara cando se van executar. É máis, aseguran que dependerá de que lle asignen orzamento”. Polo tanto, “volvemos presentar formalmente outra pregunta para que adquira un compromiso con datas”, avanza.
Balseiro asegura que “é urxente acometer as obras de mellora” porque as instalacións “non se atopan nas condicións adecuadas para prestar o servizo e, moito menos, para vivir nel”. Incluso por non estar acondicionadas as instalacións, algúns axentes pediron traslado. Na actualidade, só dispoñen dun sarxento e un garda no municipio.
O senador popular engade que “pasaron oito meses dende que o Goberno de Sánchez se comprometera, en documento oficial en resposta ás preguntas dos senadores lucenses do Partido Popular, a realizar as obras no cuartel da Garda Civil de Ferreira do Valadouro sen que tiveramos noticia de ningún avance dende entón”.
Balseiro advirte que “o Executivo estatal está a desprezar a demanda unánime da corporación municipal do Valadouro aprobada en Pleno que recolle obras de illamento térmico, pintado e redistribución de espazos para potenciar a comodidade e funcionalidade destas instalacións”.
