O Concello do Valadouro porá en marcha un centro sociocomunitario no local dos baixos municipais situado ao lado do ximnasio municipal e do colexio público.
Trátase dun programa de atención aos maiores e envellecemento saudable gratuíto para os usuarios que se dirixe ás persoas maiores de 65 anos empadroadas no municipio. Será impartido pola Cruz Vermella e contará co financiamento da Xunta de Galicia.
O alcalde, José Manuel Lamela, e membros do goberno local recibían este martes ao director xeral de Maiores e Atención Sociosanitaria, Antón Acevedo, acompañado polo delegado territorial da Xunta en Lugo, Javier Arias, e o presidente de Cruz Vermella Lugo, Luis Abelleira.
Lamela explica que “o proxecto está avanzado e se poñerá en marcha despois de que o Concello firme os convenios coa Xunta e coa Cruz Vermella”.
O programa ten como obxectivo mellorar a calidade de vida e o benestar dos maiores do municipio e ofrecer a posibilidade de manterse activos e saudables no seu propio municipio. O centro sociocomunitario permite compartir actividades guiadas por un técnico de intervención terapéutica e un técnico de atención sociosanitaria.
Os talleres do centro sociocomunitario desenvolverase en base a cinco áreas de intervención: cognitiva, física, funcional, social e emocional.
Está previsto que as actividades se desenvolvan os luns, mércores e venres en horario de 10.00 a 13.00 horas e que, posteriormente, se amplíen aos cinco días da semana: de luns a venres. As persoas interesadas poden contactar cos servizos sociais do Concello.