A Plataforma Sanitaria da Mariña , conxuntamente co Concello do Valadouro, convoca unha concentración Concello do Valadouro en demanda da cobertura das dúas prazas de Medicina de Familia que están vacantes desde hai moitos meses. A situación na que está o Concello é sumamente grave e precisa dunha resposta inmediata por parte da Consellería de Sanidade e do Sergas, pois trala xubilación dos dous facultativos titulares ambas as dúas prazas están sen ocupar por persoas substitutas ,quedando gran parte dos días sen médicos. A única solución que deu o Sergas, malia anunciar en todos os medios de comunicación que a situación estaba resolta un día antes da multitudinaria mobilización do pasado mes de abril, foi substituir una das prazas cunha profesional que algún día viña a pasar consulta durante unas horas.
Esta situación está a provocar atrasos e listas de agarda no nivel básico da atención sanitaria, deixando a unhas mil novecentas persoas sen a atención básica de saúde a maior parte dos días, obrigándoos a desprazarse a outros Concellos, ao PAC ou mesmo ao sevizo de urxencias do hospital para a resolución de problemas e saúde máis sendo prácticamente imposible facer os seguimentos periódicos de procesos crónicos axeitadamente. A enorme preocupación e indignación que se está a producir na poboación do Valadouro e que foi transmitida por diversas vías á plataforma sanitaria, motivou a petición por parte do colectivo sanitario dunha reunión co goberno do Valadouro, na que se abordou a grave problemática sanitaria que se mantén desde hai moitos meses. Froito deste encontro decidiuse convocar novamente una concentración o próximo día 29 de xuño ás 12 horas diante do Centro de Saúde e que contou co apoio incondicional do goberno.
Desde este colectivo animamos a todas as veciñas e veciños do Valadouro e das poboacións veciñas, así como de toda a comarca a que acudan a esta nova mobilización na que se demanda a cobertura total e continuada das dúas prazas de Medicina de Familia, imprescindibles para que os servizos sanitarios no Concello do Valadouro sexan dignos, de calidade e cunha continuidade asistencial axeitada.