-Cal é a orixe do nome As Quendas para estas celebracións de maio?
Sabemos que veñen de ese nome “quenda”, “quendas” de xente e gando. Celébranse sempre en maio e teñen unha historia de case 500 anos. Houbo un tempo que deixaron de celebrarse mais este ano cúmprense 42 anos desde que se retomaron. O motivo polo cal deixaron de celebrarse descoñecémolo.
-Que motivo hai detrás da celebración das Quendas?
É similar ás San Lucas, celébrase o mundo do gando, o campo e a diferenza coas San Lucas está en que As Quendas serían como as irmás pequenas. Aquí non temos a baixada tradicional dos cabalos.
-Ademais de gando, As Quendas reúnen outro tipo de actividades?
Si, certo. Teremos unha exposición de razas autótonas do país, tamén temos a Festa da Empanada, con corenta e dous anos de tradición pois naceu cando se retomaron As Quendas. Contamos cun obradoiro de panadaría rural onde os nenos e non tan nenos poden facer o proceso de amasar e enfornar.
-A participación de gandeiros que traen os seus animais aumentou durante os últimos anos?
A afluencia de público si foi subindo, mais sobre o gando podo dicir que en cabezas de poldros cada ano diminúe a súa presenza, mesmo nas San Lucas. O gando vacún vai tendo unha presenza maior, cada vez hai máis xente que trae vacas.
-De onde vén a maioría da xente que se achega ás Quendas desde fóra de Mondoñedo?
Vén xente de toda a comarca e máis de Asturias. Tamén hai unha forte afluencia de persoas procedentes de Madrid debido á ponte do 2 de Maio.
-Para este ano en concreto cales son os principais atractivos que ofrecen as festas?
Á parte da feira están o concurso de andadura, a degustación que facemos con Cociñeiros Lugo e ASOPORCEL (Asociación de Porco Celta), para probar produtos de porco celta e logo hai espectáculos para todos os públicos de maxia e teatro.
-En que consiste o concuros de andadura?
Iso faise na granxa cos cabalos. Vai por tempos e hai dúas modalidades: serrada e chateada. A chateada é intercambiando o pé de diante co de atrás e a serrada é como se fose o movemento dunha serra. Son estilos que se van aprendendo de xeración en xeración.
-Que patrocinadores ten As Quendas, tanto públicas como privadas? Que espazos acollen estas celebracións?
Contamos con apoio da Xunta, Vicepresidencia da Deputación e do Concello de Mondoñedo, desde logo e a iso sumamos os ingrexos que teña a comisión de festas e a recadación das festas. Sobre os lugares onde se desenvolven As Quendas temos o campo da feira, a Alameda, a Avenida das San Lucas, temos o auditorio, a casa da Xuventude, a Praza do Concello e a Granxa que nola cede o Instituto.
-Para este ano, entre os postos asistentes, hai algunha novidade?
Nas Quendas temos sobre todo produtos con planta, temos ferreiros, churreiros ou pulpeiros e equitación.
