O Concello de Mondoñedo vén de presentar a programación do Entroido 2026, que se celebrará do 7 ao 21 de febreiro, cun calendario festivo que combina tradición, música e convivencia e que conta coa colaboración do Círculo Recreativo Casino de Mondoñedo e da AC Pasatempo. Veciñanza e visitantes poderán gozar durante dúas semanas dunha oferta pensada para todos os públicos.
A programación arrinca o sábado 7 de febreiro co IV Cocido – Baile O Pasatempo, amenizado polo Dúo EPO-K e o Trío Merengue na Finca San Antonio. As persoas interesadas poden consultar prezos directamente coa organización.
O venres 13 de febreiro celebrarase a tradicional Cea de Comadres no Círculo Recreativo Casino, unha cita xa consolidada no calendario festivo mindoniense. A información sobre prezos deberá solicitarse á entidade organizadora.
O Entroido continúa o martes 17 de febreiro co Baile Infantil no Círculo Recreativo Casino, coa actuación de DJ HH e os seus personaxes fantásticos. O evento está organizado polo Concello e o Casino e contará con entrada libre.
O gran día do Entroido
O momento culminante chegará o sábado 21 de febreiro, día grande do Entroido de Mondoñedo, cunha xornada completa de actividades que terá como prato forte o Gran Desfile do Entroido, dotado con máis de 5.000 euros en premios. O desfile sairá ás 17:30 horas desde o Campo dos Paxariños ata a Praza da Catedral, seguido do baile de disfraces e da entrega de premios na praza do Concello.
A programación do día inclúe:
- 13:00 h – Animación de comparsas polo centro
- 14:00 h – Sesión vermú co grupo D´KRISS na praza do Concello
- 17:30 h – Inicio do desfile no Campo dos Paxariños
- 20:30 h – Baile de Entroido co grupo D´KRISS na carpa da praza do Concello
- 22:00 h – Entrega de premios infantís
- 23:30 h – Continúa a actuación de D´KRISS
- 01:00 h – Entrega de premios adultos
Para pechar a xornada, o Casino de Mondoñedo organizará un ano máis o seu tradicional Baile de Piñata no Círculo Recreativo Casino. Os prezos deberán consultarse coa entidade organizadora.
O Concello anima á participación activa da cidadanía e convida a vivir un Entroido cheo de cor, humor e espírito festivo nun marco incomparable como é o noso casco histórico.
