InicioCulturaLuís Alonso Girgado, novo Cunqueiriano de Honra en 2026

Luís Alonso Girgado, novo Cunqueiriano de Honra en 2026

Luís Alonso Girgado é un dos máis destacados ensaístas e críticos galegos das últimas décadas.

Publicada o

- Advertisement -

O sábado 28 de febreiro o ensaísta, crítico literario e investigador Luís Alonso Girgado recibirá a distinción de Cunqueiriano de Honra de 2026. Será no Salón de Plenos do Concello de Mondoñedo ás 12:00h, onde estará acompañado por diversas autoridades. Converterase, así, no décimo homenaxeado dende que se instituíu este galardón.

O Concello de Mondoñedo e a Casa Museo Álvaro Cunqueiro promoven a distinción de Cunqueiriano de Honra co fin de recoñecer o labor daqueles persoeiros que se teñen significado na visibilización e proxección da figura do escritor mindoniense.

Neste 2026 unha comisión designada ao efecto polo Concello de Mondoñedo e a Casa Museo Álvaro Cunqueiro, organizadores do evento, decidiu premiar a longa e vizosa traxectoria dun gran coñecedor da figura de Cunqueiro como é o estudoso e crítico literario Luís Alonso Girgado.

A comisión que o elixiu, por maioría, estivo formada por César Cunqueiro (fillo do escritor), Xosé Manuel Soutullo (director xeral da Editorial Galaxia, entidade Cunqueiriana de Honra do ano anterior), Alberto García Fernández (Concelleiro de Cultura, Educación e Novas Tecnoloxías), Antonio Reigosa (Cronista Oficial de Mondoñedo), Abel Vigo García (Técnico municipal), Miguel González Somovilla (xornalista e estudoso da obra de Cunqueiro) e Armando Requeixo (Coordinador da CMAC).

Luís Alonso Girgado (Ferrol, 1946) é un dos máis destacados ensaístas e críticos galegos das últimas décadas. Catedrático de Lingua e Literatura, foi durantes anos secretario científico do Centro Ramón Piñeiro para a Investigación en Humanidades.

Como estudoso da obra cunqueiriana foi o responsable da edición da articulística do mindoniense reunida en Encuentros, caminos y noticias en el Reino de la Tierra (1992), ‘Los días’ en ‘La Noche’ (2012), ‘Los otros rostros’ (1975-1981) en ‘Sábado Gráfico’ (2013), das colectáneas cunqueirianas Prólogos, epílogos y otros escritos dispersos (2011) e Remuíño de prosas (2011), dos facsímiles da revista Galiza (1999) dirixida por Cunqueiro nos anos trinta e da Soma de craridades por Álvaro Cunqueiro e unha carta a Luís Seoane por Santiago Montero Díaz (2011), da edición do poemario cunqueiriano Elegías y canciones (2013), e do dobre dvd Álvaro Cunqueiro (1911-1981) (2013), tendo animado como director dos Cadernos Ramón Piñeiro a publicación dos epistolarios Saiban cantos estas cartas viren… Álvaro Cunqueiro e Alberto Casal (1955-1961) (2012) e Cunqueiro, destinatario (2014).

Coa designación de Luís Alonso Girgado como Cunqueiriano de Honra de 2026 (que inclúe figura conmemorativa e diploma acreditativo) o Concello de Mondoñedo e a Casa Museo Álvaro Cunqueiro consolidan a traxectoria destes nomeamentos, que en anos anteriores recoñeceron o labor de persoeiros como Darío Villanueva, Víctor F. Freixanes , Rexina Vega, César Antonio Molina, Manuel Lourenzo ou Claudio Rodríguez Fer, entre outros.

ÚLTIMAS

Burela acolle cursos formativos para persoas estranxeiras e a preparación de probas oficiais

Burela acollerá dous cursos formativos dirixidos a persoas estranxeiras, organizados por Ecos do Sur....

ACISA integra hoxe os negocios da Praza de Abastos logo do acordo entre patronal local e Asociación de Praceiros

Acisa integra dende hoxe á Praza de Abastos de Ribadeo, tras a sinatura do...

O comité de empresa de Alcoa reclama unha reunión co Goberno ante a situación do sector do aluminio

O comité de empresa de Alcoa en San Cibrao, en Cervo, pide unha reunión...

Conferencia ‘A cova de San Xoán Vello: novas achegas desde a arqueoloxía’ en Viveiro

Mariña Patrimonio organiza para o vindeiro mércores 22 de abril, ás 20:00 horas, na...