O Concello de Mondoñedo presentou hoxe Vila Nadal Mondoñedo, un espazo de lecer pensado para todos os públicos e concibido como punto de encontro durante estas datas tan sinaladas, e situado na Praza da Catedral.
Vila Nadal está promovido por Discovery Producciones en colaboración co Concello de Mondoñedo e integrado na programación de Nadal da cidade, co fin de ofrecer unha proposta novidosa e variada que combina lecer, cultura, gastronomía e actividades familiares, no corazón do conxunto histórico mindoniense “co obxectivo de favorecer ao comercio e hostelería local nestas datas”.
Entre os principais atractivos de Vila Nadal destacan as foodtrucks, con comida típica e produtos de tempada; os postos con artigos artesanais e de Nadal; así como unha exposición temática, que este ano está dedicada ao universo de Harry Potter, pensada para sorprender tanto ao público infantil como ao adulto.
A programación complétase con música en directo, espectáculos e actividades infantís, ademais da visita de personaxes que animarán o recinto durante as xornadas de apertura. Así, contaremos coa presenza das famosas K- Pop, Os Bolechas, e a actuación da orquestra Beatriz. O espazo permanecerá aberto diariamente dende o sábado 27 ata o martes 30 de decembro.
Entre os eventos máis salientables figuran as precampanadas infantís, que repetimos tralo éxito do ano pasado, e a festa de Pre fin de Ano, que converterán a Praza da Catedral nun dos principais escenarios do Nadal na comarca.
Desde o Concello de Mondoñedo convidamos a todas as familias mindonienses e da comarca así como ás persoas visitantes a gozar de Vila Nadal, un incentivo que se suma á decoración que estes días loce o casco histórico, o barrio dos Muíños ou o belén da catedral.
