O Concello de Mondoñedo aprobou en pleno, celebrado o xoves 27 de novembro, os orzamentos municipais para o ano 2026, converténdose nun dos primeiros concellos da provincia de Lugo en contar cun documento económico planificado para o vindeiro exercicio. Isto é posible gracias “a que temos un goberno estable con capacidade de traballo e que conta cunha maioría que permite presentar as contas en prazo”.
O Goberno municipal destaca que se trata dunhas contas saneadas, elaboradas desde unha administración pequena, con recursos limitados pero con moitas obrigas de gasto para garantir e blindar o amplo número de servizos públicos.
Máis da metade do orzamento concéntrase nas áreas de Servizos Sociais e persoal, unha decisión que o executivo local define como “unha investimento, non un gasto”, en referencia ás persoas e familias que tanto contribuíron ao desenvolvemento da cidade ao longo dos anos.
A corporación sinala tamén as súas liñas de actuación prioritarias para os vindeiros meses, entre as que destacan a renovación do firme da maior parte das vías municipais, tanto en zonas rurais como urbanas, así como a conservación e posta en valor de espazos públicos municipais, que inclúe actuacións de mellora nos baños da Alameda e na estación de autobuses.
O Concello subliña que estes orzamentos permiten planificar con anticipación, garantir estabilidade e continuar avanzando na mellora da calidade de vida da veciñanza de Mondoñedo.
