-Que ofrecen As San Lucas para seguir atraendo xente ano tras ano?
Todo aquel que chega a Mondoñedo convértese nun ‘sanluqueiro’. É unha tradición viva que xunta todo un pobo, non só os e as mindonienses, é toda a comarca e todo o país. Intentamos facer todo para que quen teña cabalo participe e quen non teña poida involucrarse nos eventos igualmente. Somos unha feira auténtica que naceu en 1156, cando aínda non vivían os bisavós de Colón, a xente viña ás San Lucas a feirear.
-Este ano haberá novidades respecto doutras edicións?
Estamos intentando mellorar as infraestruturas como mobilidade, baños, autoprotección e teremos actuacións como Efecto Mariposa, Grandeosso ou Tutto Durán. O día 17 teremos un acto moi bonito en relación co mestre Xosé Vizoso, que realizou moitos carteis das San Lucas coa xenerosidade que el tiña e os seus fillos, seguindo eses pasos de xenerosidade, realizaron un libro moi fermoso da relación entre Vizoso e as San Lucas.
-Durante estes últimos anos o público asistente cambiou moito?
Realmente non, seguen achegándose familias enteiras, grupos de avós e avoas que se coñecen entre eles, vén xente de San Cibrao, Burela e doutros moitos lugares. Aquí veñen xuntarse para comer o pulpo dentro dun ambiente familiar, todo o mundo é amigo en Mondoñedo eses días e os e as visitantes tamén se senten mindonienses eses días.
-Vén xente de fóra de Galicia?
Si, veñen moitos portugueses, moitos asturianos, de Zamora, Palencia e Cáceres, Salamanca, Valladolid e Vitoria, iso é o que polo menos me trasladaron.
-Cal é o elemento das San Lucas que máis asombra aos e ás visitantes?
A baixada dos cabalos e a doma nocturna. A baixada faise todo o ano, os gandeiros coidan os cabalos salvaxes no monte, miran deles. Días previos xúntanos en greas para baixalos a Mondoñedo. Sentir un cento de cabalos salvaxes petando cos cascos no chan das rúas pola tarde é algo incrible. Logo pola noite, a doma con esa combinación de son e luz na Praza da Catedral é algo único. Os cabalos que fan a baixada son da contorna e despois, o día 18, o día da feira, veñen camións de Asturias, Portugal ou Castela para comprar os poldros.
