Os Socialistas de Mondoñedo urxen melloras nas canles dos ríos dos Muíños, “xa que levan sen auga dende hai máis de 15 días”. Sinalan ademais que este problema vén de hai anos, e que precisa “unha solución definitiva e non parches que non serven para nada”. Por iso avanzan que solicitarán no vindeiro pleno municipal a creación dun grupo de traballo, coas administracións competentes, incluíndo á veciñanza, para darlle unha solución definitiva a esta problemática. “Son os técnicos os que teñen que buscar unha solución”, insisten dende o PSdeG. “A situación de abandono do río non é só unha cuestión paisaxística, senón que tamén afecta directamente a perdida de biodiversidade da nosas contornas fluviais e naturais, e polo tanto é unha autentica neglixencia medioambiental”, remarcan.
Os socialistas de Mondoñedo tamén explicaron que na pasada sesión plenaria do mes de xullo, interpelaron ao goberno local sobre a adecuación das obras da rampla de acceso no Real Seminario Conciliar de Mondoñedo, tamén se interesaron pola utilización da Escola de Maariz por parte dun particular. E por ultimo, sobre as probas de auga na Fonte dos Pelamios.
Ademais, no apartado de rogos demandaron ao goberno a instalación dun panel informativo na area recreativa da Fervenza, no que se indique o uso dos espazos públicos (como por exemplo indicar a zona de aparcamento dos vehículos, …), e no que se informe das datas para poder usar a parrilla ao aire libre, para que non haxa risco de incendios e problemas.
Tamén emprazaron ao PP a que “realice unha maior previsión no repaso, adecentamento e limpeza dos espazos públicos. Xa que este ano e en pleno verán, a maioría das nosas rúas e barrios, zonas verdes, plazas, parques, así como a estrada de entrada que dá acceso a Mondoñedo presentaron un estado lamentable de abandono, suciedade e maleza. Polo tanto, unha vez máis reclamamos mais traballo de rúa e menos campañas de marketing e publicidade na limpeza da nosa cidade”.
E por último, instaron ao Goberno Municipal a abrir ” a oficina de Turismo de Mondoñedo no mes de agosto as fins de semana, xa que no mes de xullo estivo pechada tódolos domingos. Parécenos inadmisible que a unica oficina de información do Concello para atender aos nosos visitantes este pechada durante o verán. Por iso, os concelleiros do Grupo Municipal Socialista de Mondoñedo queremos avanzar que nos presentamos voluntarios para abrila durante as fins de semana no mes de agosto, si é necesario”.
