O Concello de Lourenzá responde a un escrito recibido da Asociación Patrimonio Laurentino. Dito documento criticaba a poda das árbores do Cantón e pola invasión de pombas e gaivotas que está a sufrir a igrexa e o mosteiro, ademais dalgunha das vivendas do seu entorno.
O Concello de Lourenzá responde que a poda das árbores do Cantón estase levando a cabo polo Obradoiro de Emprego Serra da Cadeira VII. Estes traballos están dirixidos por un enxeñeiro técnico forestal e supervisado por un monitor coa mesma titulación. A requirimento do Concello elaboraron un informe sobre esta actuación de poda levada a cabo durante o mes de novembro. “A elección deste momento aclaran que se fixo seguindo criterios sanitarios, silvícolas, urbanísticos e de limpeza urbana”.
O goberno municipal explica que “como criterio sanitario expoñen que as árbores necesitan un saneamento de copas para evitar deformidades, roturas e condicións propias para a aparición de pragas e enfermidades”. Segundo avanza o Concello, o criterio silvícola ten en conta que esta especie arbórea entra nesta época en parada vexetativa, momento no cal a árbore sofre menos a incidencia de feridas e cortes.
Como criterio urbanístico enténdese que de deixar medrar esta especie, que pode chegar ata os 35 metros de altura, provocaría un sombreado do entorno e un obstáculo visual importante contra o patrimonio cultural do concello, ademais do perigo que suporía a caída de ramas.
E por último o criterio de limpeza urbana contempla que as árbores platanus x hybrida desprenden unha cantidade inxente de folla, o que supón unha molestia para a veciñanza e problemas de acumulación de restos vexetais nas rúas próximas. Este informe presentado polos técnicos do obradoiro remata aclarando que a actuación de poda dos plátanos da Praza Conde Santo se está levando a cabo de xeito correcto tanto en tempo como en forma.
POMBAS E GAIVOTAS
Polo que respecta a invasión de pombas o Concello de Lourenzá “consultáronse varios expertos en pragas deste tipo e de momento non se atopou ningún método eficaz que non sexan os antes empregados, que resultaron inútiles”.
O goberno municipal engade que “sinalan a improbabilidade de que as gaivotas aniñen en localidades de interior, pois para iso deberían permanecer durante unha tempada para a incubación e, como é de dominio público, as visitas desta especie ao noso municipio son esporádicas“.
Ademais o goberno local quere aclarar que “aínda que o uso dos medios é moi lexítimo, está sempre disposto a resolver as dúbidas e inquedanzas tanto do tecido asociativo como da veciñanza en xeral, agradecendo en particular á Asociación Patrimonio Laurentino a súa preocupación polos problemas que poidan xurdir no noso concello e recordándolles que, como facemos sempre, estamos ao seu dispor”.