O goberno municipal de Lourenzá desminte as acusacións do Partido Popular sobre a situación económica do Concello e pide responsabilidade política. Ante as manifestacións realizadas polo Partido Popular de Lourenzá nas redes sociais, o goberno municipal “considera necesario trasladar á veciñanza a realidade da situación e evitar que se continúe difundindo unha visión interesada e distorsionada dos feitos”.
“En primeiro lugar, queremos informar de que no último pleno municipal foi aprobado o expediente de modificación de crédito, financiado con cargo ao remanente de tesourería, que permitirá facer fronte ao pagamento das facturas pendentes correspondentes ao exercicio anterior. Grazas a esta medida quedarán regularizados todos os pagos pendentes de 2025 e a continuación regularizaranse tamén os do 2026”, explica o goberno local, que aclara tamén que “a situación vivida nos últimos meses responde a unha circunstancia absolutamente excepcional, derivada da falta de secretario municipal, unha problemática allea á vontade deste goberno e que dificultou a tramitación administrativa de numerosos expedientes. Trátase dun feito puntual que nada ten que ver coa xestión económica do Concello e que xa está en proceso de solución. Cómpre lembrar que durante os once anos de goberno deste equipo nunca se produciu unha situación semellante. Por iso sorprende que o Partido Popular pretenda presentar un problema administrativo puntual como se fose a norma da xestión municipal”.
O goberno municipal de Lourenzá engade que “resulta tamén rechamante que durante todo este tempo ningún dos concelleiros do Partido Popular se puxese en contacto co goberno local para interesarse pola situación, ofrecer colaboración ou buscar solucións. Se realmente a súa prioridade fosen os veciños e veciñas de Lourenzá, esa sería a súa actitude. Pola contra, optaron por utilizar esta circunstancia excepcional para facer oposición a través das redes sociais, manipulando a información, xerando alarmismo e transmitindo unha imaxe negativa do noso concello que non se corresponde coa realidade. Esa estratexia non prexudica ao equipo de goberno senón á imaxe de Lourenzá e ao conxunto da súa veciñanza”.
“Mentres uns buscan titulares, este goberno continúa traballando para resolver os problemas. Estamos regularizando todos os expedientes pendentes, cumprindo cos provedores, cos traballadores e coas obrigas do Concello, arrimando o ombro para superar esta situación transitoria. O goberno municipal seguirá actuando con responsabilidade, transparencia e rigor, centrando todos os seus esforzos en defender os intereses de Lourenzá e da súa veciñanza, fronte a quen pretende utilizar unha situación excepcional con fins exclusivamente partidistas”, indica o equipo de goberno do Concello de Lourenzá, que ademais expresa “o seu máis sincero agradecemento aos provedores, ás empresas locais e ao resto de empresas que traballan co Concello pola paciencia, comprensión e colaboración demostradas durante estes meses. Somos conscientes dos inconvenientes que os atrasos nos pagos puideron ocasionar e valoramos moi positivamente a confianza e a responsabilidade coa que entenderon que esta situación viña motivada por circunstancias administrativas excepcionais e alleas á vontade do Concello. Grazas á súa comprensión e ao esforzo realizado por todas as partes, hoxe podemos afirmar que esta situación está en vías de quedar completamente normalizada. O noso compromiso é seguir traballando con rigor para que o Concello continúe sendo unha administración solvente, seria e cumpridora das súas obrigas”.
