-Cando comezou esta concentración de vehículos e motocicletas clásicas en Lourenzá?
Todo comezou en 2015 sendo unha xuntanza entre amigos, unha cousa pequena que logo foi crecendo cos anos, tanto que ao final dividimos en dous o evento: un día para os coches e outro para as motocicletas, todo pola grande afluencia de afeccionados e afeccionadas. Así, os sábados son para as motos e vespas, porque hai moita vespa e os domingos está dedicado aos vehículos clásicos. Xa son catro anos con este formato de concentración e a afluencia vai en aumento, mesmo o número de prazas para participar esgotáronse case que inmediatamente.

-Tanto motocicletas como coches teñen que ter máis de 30 anos. Cal é o motivo desta esixencia?
Porque segundo a normativa para vehículos históricos estes deben ter máis de 30 anos, aínda que dentro das motos vemos que hai algunha vespa digamos “moderna”.

-En que consisten as actividades destes dous días de concentración?
O sábado xa comezamos a recibir vehículos a partir das dez da mañá na Rúa Fernández del Riego, alí temos unha mesa para formalizar a inscripción. No caso das motos, o sábado facemos unhas probas de mobilidade para dar un espectáculo durante a Festa da Faba e pasar un momento divertido. A partir da unha ou unha e media faise unha ruta por Lourenzá para mostrar o val das fabas e o seu patrimonio e para finalizar, ás dúas e media volvemos á vila onde realizamos un xantar de fraternidade nunha carpa. O domingo, ademais de formalizar as inscripcións, os vehículos estarían expostos toda a mañá, a xente pode gozar con todas as persoas participantes. A partir da unha e media facemos unha ruta até Bretoña para ir comer. Sobre as catro e media e as cinco regresamos a Lourenzá para entregar premios e celebrar o sorteo de final de evento.

-En que consiste o sorteo e a quen van destinados os premios?
Sempre entregamos premio a piloto máis veterano, tanto de coche como de moto, ao vehículo máis antigo, ao clube máis numeroso e tamén ao vehículo como a moto máis espectacular. Isto último ligado ás súas características e restauración exhaustiva.
-Que asociación está detrás deste encontro e con que tipo de axudas contades?
Organiza a Asociación Vespa e Faba Clásicos Lourenzá, contamos coa colaboración do Concello de Lourenzá e coa Vicepresidencia da Deputación de Lugo. Logo hai outros colaboradores que doan elementos para o sorteo.

-Describe como será o percorrido que fagan os vehículos. É unha competición?
É un percorrido de paseo e como a ruta será por varios concellos necesitamos a autorización de espectáculos por parte da Xunta de Galicia. Será circulación aberta en estrada respetando as normas de tráfico e con velocidade reducida.
-Que motivos ten unha persoa para achegarse até Lourenzá e mostrar un vehículo de época?
Sobre todo, xuntarnos amigos que participamos en moitos eventos como este, falar e compartir opinións, ver vehículos exclusivos así como pezas exclusivas que non son doadas de encontrar. Non é que se dea un mercado de pezas dentro da concentración mais pode que coincidan algunhas persoas que xa teñan quedado para mercar ou intercambiar pezas.
-Cal sería o vehículo ou moto máis antiga que visitara esta concentración?
En coches teremos unha Amilicar que creo vén de Sarria, un vehículo de competición de 1926 con dúas prazas e antigo e dentro das motos hai moita Vespa e Lambretta.
