InicioCentralLourenzáO goberno local de Lourenzá acusa ao PP de mentir sobre a...

O goberno local de Lourenzá acusa ao PP de mentir sobre a restauración de San Salvador

O goberno municipal de Lourenzá apunta tamén que “agora queren aparecer os populares laurentinos como salvadores do Mosteiro, cando hai que recordar que foron eles os que gobernaron durante máis de tres décadas e non fixeron nada para non chegar a esta situación de deterioro"

Publicada o

- Advertisement -

O equipo de goberno de Lourenzá di que o PP fai política con mentiras sobre a restauración do Mosteiro de San Salvador.

“Nos últimos días están a aparecer varias noticias nos medios de comunicación e nas redes sociais onde o Partido Popular de Lourenzá acusa ao goberno local e ao senador César Mogo de mentir sobre a moción presentada polo señor Balseiro no Senado instando ao Goberno a levar a cabo a restauración do Mosteiro de San Salvador. Parece que nin o señor Balseiro nin os concelleiros populares de Lourenzá leron a moción que presentaron ou ben non entenden o que nela se di”, manifesta o goberno municipal de Lourenzá, que engade: “a moción presentada polo PP di exactamente que a obra de rehabilitación integral do Mosteiro de San Salvador sexa liderada e financiada polo Goberno de España e que para iso se elaborará e executará un proxecto de intervención por parte do Goberno ou en colaboración con outras administracións. É dicir, a proposta popular di que a Xunta podería colaborar na elaboración do proxecto pero a rehabilitación correrá a cargo do Goberno de España. Tal e como dicía o senador socialista, César Mogo, paga ti que invito eu. Por certo, non deben saber que o proxecto de rehabilitación xa está elaborado e que foi financiado polo Bispado de Mondoñedo e polo Concello de Lourenzá. Polo tanto, grazas por nada! Seguramente presentaron a moción sen falar previamente cos propietarios do inmoble”.

Ademais o equipo de goberno do Concello de Lourenzá comenta que “tamén din os populares que a Xunta foi o único organismo que colaborou economicamente en obras de restauración do Mosteiro, algo que non é certo porque onde financiou obras a Xunta foi na igrexa de Santa María, a pesar de levar sempre como bandeira que non se deben financiar obras de titularidade privada. Tamén criticaron no seu momento a intervención no tellado por parte do Bispado, algo que freou o deterioro que estaba a sufrir o Mosteiro. Tampouco din a verdade os populares cando culpan so ao Goberno da inclusión da restauración do Mosteiro no Plan Turístico Nacional Xacobeo 21-22. A primeira inclusión foi obra da Xunta de Galicia a pesar de que aparecía ben claro nas bases que os monumentos tiñan que ser de titularidade pública (algo obrigatorio porque estaba financiado con fondos europeos e así o requirían). É certo que o Goberno non debeu ter en conta esta obriga e posteriormente foi excluído do listado o Mosteiro laurentino xunto con outros máis”.

Para o goberno municipal “agora queren aparecer os populares laurentinos como salvadores do Mosteiro, cando hai que recordar que foron eles os que gobernaron durante máis de tres décadas e non fixeron nada para non chegar a esta situación de deterioro. Pero, en fin, xa sabemos que o de arrimar o ombreiro non vai con eles. Se quixeran facer algo positivo poderían acadar moitos compromisos e axudas da Xunta que redundaran no benestar dos nosos veciños e veciñas e non só algunha carpa para as festas dalgunha parroquia (que tamén se agradecen)”.

ÚLTIMAS

Veciño de viveiro acepta un ano de cárcere por distribuír pornografía infantil

Un veciño de Viveiro aceptou un ano de cárcere por tenencia e distribución de...

Alcoa poderá deixar de ser “empresa en crise” a final de ano

Alcoa manifestou que a finais deste ano, no último trimestre de 2025, "poderá deixar de...

ACISA e Concello de Ribadeo asinan un convenio de colaboración cunha axuda de 20.000 euros

Acisa e Concello de Ribadeo asinaron o convenio de colaboración anual que regula a...

Trabada denuncia o abandono sanitario da Xunta e esixe medidas inmediatas

O Concello de Trabada denuncia a situación tan preocupante que está a sufrir...